Sae a licitación pública a urbanización da parcela que rodea o edificio Impulso Verde
Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira certificada que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático, contará nos seus arredores cunha parcela verde que será acondicionada seguindo os parámetros determinados polo Catálogo de Solucións Urbanas Sostibles GUD Lugo. Así, esta parcela que o rodea contará con propostas sostibles de deseño urbano tanto nas zonas verdes como nas peonís e de estacionamento, cun área de carril bici e coa instalación de mobiliario urbano e iluminación LED.
As obras de acondicionamento da parcela veñen de saír a licitación pública tras ser aprobadas na Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo, cun investimento de 180.000 euros e un prazo de execución de catro meses. En palabras da alcaldesa, Lara Méndez, esta parcela está pensada “coma un espazo aberto para a cidadanía, de encontro e divulgación das distintas accións do LIFE Lugo + Biodinámico”.
As solucións que se van implementar nesta zona buscan a integración coa contorna existente e serán as seguintes:
- Zonas verdes que ocuparán a metade da parcela a urbanizar, onde se combinarán especies vexetais tapizantes e aromáticas, xardíns de chuvia e cultivos enerxéticos, coa idea de dar continuidade ao novo bosque urbano ubicado nas Gándaras. Tamén se plantarán árbores autóctonas que creen zonas de sombras.
- Zona peonil, onde se empregarán pavimentos e superficies drenantes.
- Zona de aparcamento de vehículos na que se proxectan sete prazas, dúas delas para vehículos eléctricos e outras dúas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
- Zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable, cedido polo proxecto LIFE CERSUDS co que levamos colaborando dende o comezo do proxecto e un aparcamento específico para as bicicletas. Entre o carril bici e a beirarrúa existente proxéctase un dos xardíns de choiva que recolla a auga da propia superficie pavimentada.
Toda a información sobre esta acción pode consultarse neste documento descargable.