Rigorosos criterios de eficiencia enerxética marcan as obras de acondicionamento da parcela do Impulso Verde
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisaba esta mañá o avance das obras da parcela que ocupa o Impulso Verde, acordes aos usos administrativo e expositivo que terá o edificio, baixo criterios rigorosos de eficiencia enerxética, sustentabilidade e confort para o usuario, pero tamén como futura sede coworking.
“A nosa vontade é crear un espazo aberto para a cidadanía que permita acoller todas aquelas iniciativas das distintas actuacións da estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, que vinculan os temas ambientais desde o prisma da formación, a educación, a experimentación e a innovación, ao amparo da sustentabilidade, coa finalidade de abrir os ollos e as mentes dos moitos escolares, universitarios, investigadores, familias ou profesionais diversos, que día a día renovarán os seus coñecementos en materia ambiental, enerxética ou de recursos naturais” explicaba a rexedora.
Os traballos, foron adxudicados á empresa Ovisa, por importe de 168.190 euros e abarcan unha superficie de 2.685 m², nun predio municipal de 8.001 m², situado na Avenida Infanta Elena, á altura da glorieta 25 de Novembro. Inclúen a creación de zonas verdes e outras peonís e de estacionamento, así como un carril bici xunto á humanización da contorna na que se instalará mobiliario urbano e iluminación e sinalización LED.
As zonas verdes ocuparán aproximadamente a metade da extensión dispoñible e está previsto que se planten árbores autóctonas que creen zonas de sombra. “A selección das especies vexetais foi realizada, de maneira conxunta, con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a fin de fomentar a biodiversidade” explicaba a rexedora.
Habilitarase unha zona peonil con pavimentos drenantes e 7 prazas de estacionamento de vehículos, das que dúas estarán reservadas a persoas con mobilidade reducida e outras dúas para modelos eléctricos. Unha zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable – cedido do Proxecto Life CERDSUS (15 CCA/ES/000091) – que contará con aparcamento específico para fomentar a mobilidade alternativa e sostible.
Lara Méndez fixo fincapé en que con todas estas actuacións conseguirase acondicionar a parcela, estando á vangarda en criterios de sustentabilidade. Unha ubicación que, segundo a alcaldesa de Lugo,“contribuirá a incrementar a calidade de vida da veciñanza, porque redunda no confort da cidade e na súa habitabilidade, ao tempo que seguimos a potenciar a marca de Lugo vinculada á sostibilidade, coa que xa nos posicionamos como un municipio referente a nivel internacional” concluía.