Coa licitación aprobada e un orzamento dun millón de euros, Impulso Verde é «un exemplo da loita por rebaixar os impactos da emisión de CO2 ao emitir un 90 % menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470), absorbendo, ademais, 280 toneladas de emisións. Cifras importantes, se se ten en conta que o obxectivo da emerxencia climática é reducir as emisións de carbono nun 7,6 % cada ano e chegar á nulidade de emisións no 2050», segundo aclarou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
Trátase dun exemplo de construción en alta tecnoloxía de madeira estrutural en altura, o primeiro con madeira galega e catro andares e que abrirá un novo horizonte económico para o forestal galego.
O edificio
No pasado mes de agosto aprobouse a licitación da obra do edificio, que conta cun orzamento de 1.040.503 e un prazo de execución de 15 meses. Impulso Verde contará con usos municipais e colectivos e será un edificio de enerxía case nula e un modelo de construción respectuosa e sen pegada medioambiental, exportable a calquera outra cidade de España e de Europa.
Este edificio pioneiro foi concebido co propósito de transformarse nun referente do novo modelo construtivo baseado nos recursos naturais autóctonos, xa que emprega a madeira local para a totalidade da súa estrutura, creando un modelo construtivo alternativo aos edificios convencionais de baixa eficiencia enerxética.
O obxectivo deste modelo construtivo é minimizar o impacto ambiental, mellorar a calidade de vida, dinamizar o sector forestal galego e iniciar un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía, que permitirá desenvolver o valor engadido da madeira e doutros cultivos autóctonos. Para a súa construción empregarase madeira de especies galegas procedente da xestión forestal sostible.