ULMUS MINOR MILL.

Ulmeiro, negrillo

O ulmeiro é unha árbore caducifolia de copa ampla, tronco recto e groso, casca lisa e de cor parda grisácea que se volve escura e agretada co tempo. Ramas novas con costelas suberosas. Especie que gusta de humidade no solo e no ambiente. Solos preferentemente calcarios. Pode alcanzar os 15-30 m de altura.

Familia: Ulmaceae
Xénero: Ulmus

Distribución: Europa, Asia e norte de África. Especie moi extendida na Península Ibérica aínda que a súa área diminuíu considerablemente debido ao espallamento da doenza mortal coñecida co nome de grafiose. Escasa en Galicia. Dende o nivel do mar ata os 1.650 m de altitude aproximadamente.

Follas: caedizas, simples, alternas, redondeadas, curtamente acuminadas, de base asimétrica, bordo aserrado, face de cor verde e lampiña e envés máis claro e pubescente, rugosas ao tacto.

Flores: pentámeras, bisexuais, pouco vistosas, verdosas, dispostas en grupos densos sobre as ramiñas do ano anterior, precoces. Florece de febreiro a abril.

Froito: seco de tipo sámara (aquenio rodeado dunha á que facilita a dispersión polo vento), lampiño, de cor verde ao principio e parda amarelada despois, saen antes que as follas.

Observacións: A súa madeira é dura, elástica, boa de traballar e resistente á auga. A follas son aproveitadas como alimento para o gando. Uso ornamental, aínda que actualmente non se recomenda pola súa sensibilidade á doenza mortal da grafiose.