Arbusto moi ramificado e espiñento (con follas modificadas en filodios espiñentos e ramas modificados en cladodios espiñentos), de ata 2,5 m de altura. Especie de luz, pioneira que coloniza solos nús e degradados. Terreos acedos ou calcarios descarbonatados, pobres en nitróxeno.
Familia: Leguminosae
Xénero: Ulex
Distribución: Oeste e suroeste de Europa. Norte da Península Ibérica, dende o nivel do mar ata os 1.300 m de altitude. Frecuente en Galicia.
Follas: alternas, sen estípulas (apéndice laminar que se desenvolve a ambos lados na base do pecíolo), nas plantas máis novas son trifoliadas e nas máis vellas redúcense a filodios lanceolado – lineares ou triangulares, ríxidos e espiñentos.
Flores: pentámeras, bisexuais, de cor amarala, zigomorfas (en bolboreta), en inflorescencias. Cáliz bivalvo de cor tamén amarela, veludo. Na zona de unión do pedicelo e a flor amósase unha bractéola triangular de máis de 1,5 mm de anchura. Florece de decembro a xuño. En galego as flores do toxo chámanse “chorima”.
Froito: legume veluda con 2 – 8 sementes.
Observacións: Empregada antigamente para facer a cama do gando que despois se utilizaba como abono para as terras de cultivo. Bo combustible. As flores utilizáronse en infusións, pois teñen propiedades medicinais (doenzas hepáticas), pero a planta (sobre todo as sementes) contén citisina, que é unha substancia tóxica. Esta especie é considera unha planta invasora nas Illas Canarias. Plantouse na Galicia oriental en rotación longa con cultivos de cereais, para enriquecer o solo en nitróxeno e aproveitalo para alimentación do gando equino e cama do gando e produción de esterco. A súa leña que é un bo combustible.