TAXUS BACCATA L.

Teixo, tejo

Árbore de folla perenne que pode alcanzar os 20 m de altura. Copa piramidal, tupida e escura, tronco groso e curto con unha casca delgada e escamosa. Indiferente ao tipo de solo.

Familia: Taxaceae
Xénero: Taxus

Distribución: Europa, oeste de Asia e norte de África. Na Península Íberica podemos atopalo sobre todo nas cadeas montañosas da metade norte. En Galicia sobre todo nas montañas do norte e este. Dende os 500 ata os 1.800 m de altitude podendo incluso acadar os 2.000 m

Follas: acículas perennes, lineares, rematadas en punta, alternas subdísticas, de cor verde escura pola face e verde-amarelenta polo envés.

Flores: unisexuais dioicas (masculinas e femininas en pés distintos). As inflorescencias masculinas son globosas e as femininas redondeadas.

Froito: ao ser unha ximnosperma non ten verdadeiros froitos. As sementes aparecen rodeadas parcialmente dun arilo carnoso de cor vermella.

Observacións: O teixo é unha planta moi venenosa debido a que presenta un alcaloide chamado taxina, excepto o arilo carnoso que se pode comer e ten sabor doce. A súa madeira ao cortala é de cor vermella e moi apreciada pola súa resistencia e durabilidade. Moi empregada como ornamental.