Arbusto erecto que pode chegar ata os 3 m de altura, de cor verde escura, talos redondeados, moi ramificados e abrancazados. As ramas novas son de cor verde, con poucas follas, glabras ou veludas e as ramas máis vellas cubertas por pelos grisáceos ou abrancazados.
Familia: Leguminosae
Xénero: Adenocarpus
Distribución: Endemismo da Península Ibérica ligado á influencia atlántica (N, NO, O). Dende o nivel do mar ata os 700 (1.100) metros de altitude. Especie ruderal (aparece en hábitats alterados polo home), terreos silíceos e pobres en nitróxeno.
Follas: persistentes, trifoliadas, alternas, pecioladas, face glabra e envés de subglabro a peloso.
Flores: inflorescencia en acio terminal piramidal ou oblongo (máis longo que ancho), flores sen néctar, de cor amarela ou amarelo-alaranxada, co cáliz bilabiado e cos labios fendidos, con abundantes glándulas estipitadas de cor pardo-negrexa. Florece de abril a xullo.
Froito: legume alongada, lateralmente comprimida, sésil, glabra ou veluda, cuberta de glándulas, con dehiscencia explosiva e con 3-8 sementes.
Observacións: Antigamente as ramas novas utilizábanse como alimento e cama para o gando e as máis vellas como combustible.