Árbore caducifolia de crecemento moderado que pode alcanzar os 30 m de altura. Tronco recto, copa ampla e piramidal. A súa casca é agrisada e lisa inicialmente, desprendéndose en tiras horizontais, vólvese máis escura e agrétase co paso do tempo. Especie resistente ao frío pero moi sensible as xeadas tardías.
Familia: Rosaceae
Xénero: Prunus
Distribución: Europa, Asia e norte de África. Na Península Ibérica atópase formando parte dos bosques caducifolios na metade septentrional, diminuíndo a súa presencia cara o Sur. Dende o nivel do mar ata os 1.500 m de altitude aproximadamente.
Follas: caedizas, simples, alternas, de bordo dentado e ápice puntiagudo, algo pelosas polo envés e glabras pola face, con pecíolos longos con dúas ou catroglándulas de cor vermella, verde ou escura na zona de unión co limbo. As follas toman cor vermella antes de caer no outono.
Flores: pentámeras, bisexuais, de cor branca ou rosada, en acios con apariencia de corimbos. Nacen antes que as follas. Florece dende mediados da primavera ata principios do verán.
Froito: drupa carnosa chamada cereixa, inicialmente de cor verde e cando madura de cor vermella ou negruzca. As cereixas adoitan aparecer en parellas e con pedúnculos longos.
Observacións: A madeira da cerdeira é pesada, dura, resistente, durable e doada de pulir, de fácil aserrado e con colorido avermellado. Prezada en ebanistería de luxo, construcións interiores, tornaría e marquetaría. As cerdeiras silvestres teñen cereixas de sabor amargo e son unha fonte de alimentación para moitos animais, aves sobre todo. Moi utilizada como especie ornamental pola súa floración e a cor das súas follas no outono.