Árbore que presenta un sistema radical non moi profundo pero si moi ramificado. A súa copa é de forma piramidal nos exemplares novos volvéndose alongada e máis ou menos globosa nos adultos. O tronco é recto e a casca lisa é de cor grisácea ou parda-verdosa nas árbores novas mentres que nas adultas é de cor parda-negruzca.
Familia: Betulaceae
Xénero: Alnus
Distribución: Europa, Asia e NO de África. Dende o nivel do mar ata os 1.700 m de altitude. Especie freatófita frecuente nos bosques de ribeira.
Follas: simples, caducas, alternas, co bordo dobremente dentado, face glabra e envés con penachos de pelos nas axilas dos nervios. De novas son pegañentas.
Flores: unisexuais monoicas (masculinas e femininas no mesmo pé), reunidas en amentos que aparecen no verán e maduran a finais do inverno seguinte. Os amentos masculinos son colgantes e os femininos algo erguidos. Florece de febreiro a marzo.
Froito: aquenio bialado, pequeno e comprimido.
Observacións: O amieiro presenta nas súas raíces nódulos nos que viven microrganismos fixadores de nitróxeno atmosférico que enriquecen os solos onde vive esta árbore. Especie de gran interese ecolóxico, utilizada na recuperación e protección de noiros e beiras de cursos de auga. É un excelente hábitat para a ornitofauna.
A súa madeira é usada para a fabricación de pequenas pezas como mangos, lapis, caixas, zocos, zocas e madreñas. Resiste ben mergullada polo que se usa en obras hidráulicas. A casca é utilizada como adstrinxente pola súa riqueza en taninos.