Recepción das plantacións de frondosas e cultivos enerxéticos nas Gándaras
Hoxe realizouse o acto de recepción das obras de acondicionamento de parcelas demostrativas para selvicultua de frondosas autóctonas e de experimentación con cultivos enerxéticos no medio urbano para a produción de biocombustibles sólidos en formato de estelas, ubicadas no polígono industrial das Gándaras.
Estas dúas actuacións enmárcanse no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que teñen como obxectivo poñer en práctica na cidade de Lugo unha estratexia innovadora de planificación urbana e conseguir zonas urbanas adaptadas aos efectos do cambio climático.
Os proxectos de obra foron elaborados polo Concello de Lugo, socio coordinador do proxecto, coa colaboración dos membros da Unidade de Xestión Forestal Sostible da Universidade de Santiago de Compostela (UXFS). En total suman 5 ha de novas áreas verdes con máis de 13.000 novas plantas.
A parcela demostrativa de frondosas autóctonas ten unha dimensión de 4 ha, localizada na área sur do polígono industrial das Gándaras. Nela realizaron labores típicas de acondicionamento do solo para proceder posteriormente á plantación de 4.115 árbores de especies de frondosas autóctonas, concretamente de carballo (Quercus robur L.), freixo (Fraxinus excelsior L.), pradairo (Acer pseudoplatanus L.) e cerdeira (Prunus avium L.). Ademais estableceuse un seto cortaventos no borde da parcela.
A través desta parcela de frondosas autóctonas preténdese crear unha área verde que sirva de experiencia demostrativa do potencial de produción de madeira de calidade, como produto renovable e reciclable, neutro en termos de Carbono, de elevada eficiencia enerxética e de elevada calidade para distintas transformacións industriais.
En relación á parcela experimental de cultivos enerxéticos, anexa á de frondosas, instaláronse 9.000 plantas de diferentes especies, concretamente empregáronse 2 clons de chopo (Trichobel e Raspalje) e Miscanthus x giganteus. A UXFS da Universidade de Santiago conta cunha boa experiencia en investigación con estas especies.
Esta parcela quere contribuír a potenciar a idea de que o medio urbano pode producir, de forma eficiente, parte dos biocombustibles que nel se empregan, promovendo deste modo un efecto de substitución de biocombustibles fósiles para uso térmico como as calefaccións. Esta actuación preséntase como revulsivo para mostrar as potencialidades dos cultivos enerxéticos.