Os membros da Mesa pola Diversificación Industrial de Lugo visitan Impulso Verde
O pasado xoves 21 de abril tivo lugar unha nova reunión ordinaria da Mesa de Traballo Executiva do Acordo pola Diversificación Industrial de Lugo.
Ao encontro, que se celebrou na Confederación de Empresarios de Lugo, asistiron a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira; o Concelleiro de Xuventude e Deporte, Mauricio Repetto Morbán; Gustavo Casasola de Cabo, Xefe Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación en Lugo; Rafael Rábade Blanco, do Instituto Galego de Promoción Económica; Montserrat Valcárcel Armesto, Vicerreitora do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela; Cesar Castiñeira Muiña, do Concello de Lugo; Francisco Dorado López, Presidente da Asociación de Empresarios de O Ceao-As Gándaras; Ramón Alonso, Directivo da Asociación de Empresarios de O Ceao-As Gándaras e Jaime López Vázquez, Secretario Xeral da Confederación Empresarios de Lugo.
Esta Mesa da Diversificación Industrial de Lugo, na que se encontran as institucións e os colectivos económicos e sociais da cidade, ten como obxectivo converter a cidade nun polo de atracción de empresas coa fin de aproveitar as potencialidades intrínsecas do municipio, xunto a economía vinculada coa sostibilidade, en liña co modelo de cidade proxectada polo LIFE Lugo + Biodinámico e incluíndo aspectos económicos, medioambientais e sociais para o presente e futuro de Lugo.
Os integrantes desta Mesa visitaron o xoves 21 de abril as instalacións do edificio Impulso Verde para poder comprobar de primeira man os pasos que o Concello está a dar, a través do LIFE Lugo + Biodinámico, para a consecución deste obxectivo.