Os Bolechas conciencian sobre o cambio climático aos nenos e nenas
A Alcaldesa, Lara Méndez, presentou este vernes o libro Os Bolechas fan un barrio multiecolóxico en Lugo, do autor e debuxante Pepe Carreiro, que se enmarca nas accións do programa europeo Life Lugo+Biodinámico encamiñadas a concienciar sobre o cambio climático aos nenos e nenas.
Na obra, son os propios irmáns Bolechas os que, coa axuda do Concello, que impulsa o proxecto, comezan a construír un barrio ecolóxico e sostible, utilizando, ademais, recursos naturais de Galicia como é a madeira. Ademais do Concello, colaboran cos Bolechas a Deputación de Lugo e as Universidades de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid, que son as institucións e administracións colaboradoras do Life.
Lara Méndez agradeceu a Pepe Carreiro a súa implicación con este proxecto, “que permitirá que os nenos e nenas coñezan máis de cerca e dun xeito divertido como deben ser as vivendas e as contornas urbanas para convertelas en máis ecolóxicas e sostibles”. A Alcaldesa falou dos máis cativos non só como os herdeiros do modelo de cidade que se está a planificar, senón tamén como os que deberán continuar con esta labor no futuro.
O barrio multiecolóxico que levantan os Bolechas no seu conto terá a súa plasmación real no barrio que impulsa o Life, que se ubicará na Garaballa e que será o primeiro de España destas características onde se aplicarán deseños urbanos resilientes. O primeiro edificio, que se chamará Impulso Verde será de usos municipais. As solucións que se aplicarán neste barrio van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.
O libro será repartido polos propios irmáns Bolechas, aos que o Concello de Lugo invitou a pasar o Nadal o vindeiro día 4, xornada na que percorrerán nun divertido pasarrúas o casco histórico, a partir das 18:00h, dende a praza de San Marcos ata o Vello Cárcere, onde se celebrará a festa final.
Na presentación do libro estiveron tamén o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro; Argelio Fernández, vicepresidente da Deputación de Lugo; María Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, e Javier Martínez, da editorial de Os Bolechas.