INSCRICIÓN OBRADOIRO DE PODA DE CASTIÑEIROS LIFE LUGO + BIODINÁMICO
O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo organiza, da man do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un obradoiro de poda de castiñeiros que se desenvolverá nos días 18 e 25 de novembro e 16 e 23 de decembro. Cada día realizaranse dúas sesións do Obradoiro, unha ás 16h e outra ás 17h, tendo cada sesión unha duración estimada de 1 hora.
As xornadas consistirán nunha formación práctica de poda de castiñeiros para a obtención de froito. Realizaranse prácticas de poda no Souto de recente implantación do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, sito no Polígono Industrial das Gándaras. Trátase de castiñeiros novos de pequeno porte. A xornada estará impartida por membros da USC.
O obxectivo destas xornadas é tamén divulgar entre a veciñanza de Lugo o labor de investigación que se está a desenvolver dende o Campus Terra da USC en torno aos beneficios da bioeconomía vencellada ao cultivo das variantes autóctonas de castaña, así coma os seus coidados e características. Tamén se pretende o fomento do aproveitamento dos nosos recursos forestais, que se está a potenciar a través do Concello de Lugo.
Estes obradoiros desenvolveranse no novo pulmón verde de Lugo, nas Gándaras, cun máximo de 15 persoas por sesión, seleccionadas por estrita orde de recepción da solicitude. A inscrición deberá realizarse a través deste formulario. Calquera modificación ou novidade relativa a estes obradoiros (condicións meteorolóxicas, emprazamento, punto de encontro) será notificada a través das nosas redes sociais e do correo electrónico facilitado polas persoas inscritas.