Accións e Obxectivos

OBXECTO DO PROXECTO

O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico quere contribuír a desenvolver unha estratexia de planificación urbana para lograr unha adaptación efectiva ao cambio climático a escala de veciñanza ou barrio residencial, visualizando este non como unha ameaza, senón como unha oportunidade para a mellora da calidade dos espazos urbanos, considerando o cambio climático como reto, e a necesidade crecente de rexeneración dos ámbitos urbanos como o seu contexto.

Para iso establece un programa de actuacións cunha duración de catro anos e medio que inclúe un amplo abano de 28 accións relacionadas entre si, que van desde o coñecemento do escenario climático de referencia, o marco analítico e a visión estratéxica do emprazamento, o catálogo de solucións de deseño urbano, definición das infraestruturas ecolóxicas do ámbito de actuación e a planificación detallada de zonas de confort climático residencial, ata as accións de silvicultura de frondosas autóctonas, cultivos enerxéticos no medio urbano, do souto, recuperación e posta en valor dun humidal e creación dun arboretum con especies forestais galegas.

As ditas accións compleméntanse coas de establecemento de actuacións de agricultura urbana de chan e altura, adaptación de sistemas construtivos con materiais autóctonos de baixa enerxía incorporada e co deseño e execución dun proxecto piloto, un edificio demostrativo construído totalmente con alta tecnoloxía da madeira e que se denominará “impulso verde”.

As accións complétanse coas correspondentes monitorizacións dos resultados a nivel físico, ambiental e socioeconómico, coa avaliación do impacto do proxecto, coa comunicación e diseminación de resultados e coa transferibilidade e replicabilidade da experiencia. A finalidade é que os procedementos desenvolvidos poidan servir de exemplo demostrativo para a súa aplicación noutros municipios e entidades locais de cidades de tamaño medio (como a de Lugo) de maneira que estas poidan ofrecer novas vías alternativas de actuación ante o escenario do cambio climático e as consecuencias que se derivan del para as contornas urbanas.

Con todo, o obxectivo definido do proxecto é: “Poñer en práctica na cidade de Lugo unha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións de escala intermedia de barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos resilientes e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático”.

O PODER TRANSFORMADOR DA MADEIRA

Pola súa importancia estratéxica, destácase neste apartado a aposta do proxecto polo desenvolvemento e achega de valor engadido a un sector clave no ámbito da comunidade galega: o sector de transformación da madeira.

Así, o proxecto, por unha banda, establece na súa acción C4 “Silvicultura de frondosas autóctonas no medio urbano para produción de madeira de calidade”, a plantación dunha parcela demostrativa de catro hectáreas, considerando catro especies de frondosas autóctonas, a saber: cerdeira (Prunus avium); freixo (Fraxinus excelsior); pradario (Acer pseudoplatanus) e carballo (Querqus robur). A citada parcela ten como obxectivo, ademais da creación dunha área verde naturada á disposición da cidadanía, realizar unha experiencia demostrativa do potencial de produción de madeira de calidade, como produto renovable, reciclable, neutro en termos de carbono, de elevada eficiencia enerxética e de elevada calidade para distintas transformacións industriais.

Por outra banda, establécese nas súas accións C10 “Adaptación de sistemas construtivos con materiais autóctonos de baixa enerxía incorporada e análise doutras tecnoloxías adaptables” e C11 “Deseño e execución do Proxecto piloto IMPULSO VERDE”, un traballo de investigación da USC – Campus Lugo, baseado no emprego da madeira local, co fin do desenvolvemento de produtos estruturais de madeira, confort de altas prestacións e valor estético, para favorecer a substitución dos materiais que teñen un alto custo enerxético de uso habitual na construción actual. Para iso preténdese a incorporación de produtos no mercado que favorezan e poñan en valor o aproveitamento da madeira local, poñendo en funcionamento as explotacións forestais, e incrementando en consecuencia a absorción do CO2.

Ademais, coa construción do edificio de madeira “IMPULSO VERDE”, preténdese crear un referente de cambio na loita contra o cambio climático para a sociedade galega, propoñendo un novo modelo construtivo de edificación en altura con estrutura de madeira galega, respectuoso co medio ambiente, actuando como centro de referencia en formación e divulgación na acción polo clima. Este edificio supoñerá unha alternativa real e medible ás edificacións convencionais altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética (baseados fundamentalmente nas tecnoloxías de aceiro e de formigón armado). Esta infraestrutura preséntase como un fito construído como anticipatorio do novo barrio multiecolóxico que se proxecta para dotar de gran capacidade de “adaptación” e “resiliencia” ás contornas urbanas, pola súa capacidade de replicación e evolución no tempo.

ACTUACIÓNS

ACCIÓNS PREPARATORIAS

ACCIÓN A1: ORGANIZACIÓN PREVIA E PLANIFICACIÓN DO PROXECTO

Conxunto de actividades previas dirixidas a establecer a organización, planificación e lanzamento do proxecto. Constituirán a base metodolóxica e procedimental do proceso de execución e avaliación do proxecto, e promoverá a identificación de todas as persoas e entidades implicadas na súa execución.

ACCIÓNS DE IMPLEMENTACIÓN

ACCIÓN C1: CATÁLOGO DE SOLUCIÓNS DE DESEÑO URBANO “ADAPT+”

Esta acción consiste en, a partir das conclusións extraídas do Escenario Base de Cambio Climático e das estratexias seleccionadas para facer fronte ás súas consecuencias, desenvolver o “Catálogo de Solucións Xenéricas de Deseño Urbano”, ao obxecto de definir un panorama completo de medidas de intervención urbana para ser aplicadas na Estratexia de Adaptación Climática en ámbitos residenciais de escala intermedia.

SEGUIMENTO DO IMPACTO DAS ACCIÓNS DO PROXECTO

ACCIÓN D1: IMPACTO AMBIENTAL DO PROXECTO. PEGADA ECOLÓXICA E CONTROL DE EMISIÓNS DE CO2.

A acción comporta tres actividades absolutamente relacionadas co deseño das cidades e cos comportamentos da cidadanía; a súa importancia pódese calibrar en relación coas tres reflexóns seguintes:

  • A relación inexorable entre o medio ambiente e a sustentabilidade do desenvolvemento
  • A importancia do estilo de desenvolvemento
  • A tendencia inexorable da poboación cara á urbanización

COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN DA RESULTADOS

ACCIÓN E1: SITIO WEB DO PROXECTO

Acción encargada de crear o website do proxecto LIFE LUGO+ BIODINAMICO. Ten por obxectivo a construción dunha plataforma de visibilidade do proxecto.

XESTIÓN E SEGUIMENTO DO PROGRESO DO PROXECTO

ACCIÓN F1: XESTIÓN E SEGUIMENTO DO PROXECTO

Acción de xestión interna do proxecto.