O proxecto recibe a visita do monitor do Programa LIFE
Os días 18 e 19 de decembro, LIFE Lugo + Biodinámico recibiu a visita do monitor da UE responsable do control do proxecto.
Durante a súa estadía celebrouse unha reunión á que asistiron todos os membros do proxecto, e tamén unha visita ao Arboretum para avaliar a fin da acción de plantación na zona.
Na reunión de control estiveron presentes o monitor europeo Dimas Ramos, a Alcaldesa de Lugo Lara Méndez, os responsables do proxecto no concello Daniel Piñeiro (Concelleiro de Desenvolvemento sostible e Persoal), Susana Penedo (Arquitecta Municipal), Belén Vilas (técnica xurista), Benigno Jáuregui (Arquitecto) e Manuel Regueiro (Xefe de parques e xardíns). Tamén asistiron os profesores e técnicos da Universidade de Santiago de Compostela dentro do proxecto Antonio Rigueiro, Esther Fernández, Belén Feijóo, Cristina Eimil e Juan Luis Fernández. Por parte da Universidad Politécnica de Madrid, asistiu o profesor Luis Ruiz e coordinando o encontro, o xerente do proxecto LIFE, Boris Hinojo. Nesta xuntanza avaliáronse os avances realizados en cada unha das accións desenvolvidas ata o de agora, presentados por cada un dos socios implicados nas mesmas. Ademais, compartíronse resultados, revisouse o estado das finanzas do proxecto e puxéronse sobre a mesa os seguintes pasos a levar a cabo no futuro inmediato.
Os proxectos máis destacados foron o edificio Impulso Verde, os avances no Catálogo de Solucións de Desenvolvemento Urbano Sostible, o control da vexetación exótica no humidal das Gándaras e a finalización da plantación do Arboretum. O Arboretum foi o protagonista na seguinte xornada, coa visita ás actuacións na área das Gándaras, onde o monitor do proxecto puido comprobar in situ como xa se finalizou a plantación de todas as especies que o conformarán.
Deste xeito, o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico continúa avanzando en cada unha das súas accións e pecha o 2018 cunha avaliación moi satisfactoria.