O monitor da UE para o LIFE Lugo + Biodinámico supervisa os avances do proxecto
Este venres 22 de abril produciuse unha nova reunión do comité de dirección do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, que contou coa presenza da alcaldesa Lara Méndez e do monitor asignado por parte da Comisión Europea, Dimas Ramos. Este encontro serviu para dar conta á UE do progreso e os logros alcanzados no proxecto, como a construcción do edificio Impulso Verde ou o Catálogo de Solucións Urbanas Sostibles GUD Lugo.
Dimas Ramos pertence ao Equipo LIFE de Neemo e presta asistencia técnica á Comisión Europea e á Axencia Europea para a Pequena e Mediana Empresa na avaliación e control de proxectos LIFE en España e Portugal. Ademais, é o encargado da monitorización externa do LIFE Lugo + Biodinámico, designado pola Axencia Europea Executiva do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) da Comisión.
Trala finalización da reunión os participantes realizaron unha visita ao edificio Impulso Verde e ao bosque urbano onde coñeceron a nova zona de arboretum, os soutos, e a área de frondosas autóctonas e a de cultivos enerxéticos en contorna urbana.