O LIFE LUNGS de Lisboa visita o proxecto para xerar novas sinerxías
Inês Freire, coordinadora do proxecto LIFE LUNGS, visitou a pasada semana a cidade de Lugo para coñecer de primeira man os avances do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico e, a través da aprendizaxe común, establecer sinerxías que beneficien a ambos proxectos, aproveitando a celebración do Encontro “Construíndo Cidades Sostibles” organizado polo LIFE Lugo + Biodinámico.
Tralo Encontro realizouse unha visita guiada polo edificio Impulso Verde e o novo bosque urbano das Gándaras, o que serviu para intercambiar experiencias entre os responsables dos dous proxectos.
Dende o LIFE Lugo + Biodinámico se puxo en valor a elaboración dun estudo piloto para a planificación detallada de zonas de confort climático residencial na cidade; a urbanización da parcela do Impulso Verde, coa humanización da contorna, a creación de xardíns de choiva e dun carril bici, alén da pavimentación de zonas peonís con material drenante; ou a creación dunha innovadora zona verde, de máis de 12.610 m² na Garaballa, que permitirá conciliar usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos coa creación de novos hortos urbanos.
O LIFE LUNGS está liderado polo Concello de Lisboa, en colaboración co Concello de Málaga, e ten como principal obxectivo contribuír á implementación da Estratexia Municipal de Adaptación ao Cambio Climático (EMAAC, 2017), en particular promovendo a resiliencia da cidade fronte ao aumento das temperaturas e a escaseza de auga. O seu enfoque destaca pola promoción dos servizos ecosistémicos proporcionados polas infraestruturas verdes e as solucións baseadas na natureza.