O LIFE Lugo + Biodinámico participou os días 17 e 18 deste mes de xuño na LIFE Platform Meeting, a reunión da Plataforma LIFE que acolleu a todos os proxectos co foco posto na acción fronte ao cambio climático e a construción sostible que se celebrou en Bruxelas.
Este encontro acolleu tamén a diferentes proxectos do programa Horizonte 2020 da UE coa mesma temática.

Estas xornadas, organizadas pola Direción Xeral de Acción Fronte ao Clima da Comisión Europea e a EASME (Axencia Executiva para Pequenas e Medianas Empresas), serviron para seguir afianzando as sinerxias xa creadas entre os diferentes proxectos e achegar información sobre os mesmos a diferentes responsables políticos implicados na toma de decisións en materia de construción e medio ambiente nos diferentes países da UE.

A LIFE Platform Meeting contou con diferentes sesións temáticas que, ao longo das dúas xornadas de traballo, trataron as políticas europeas no tocante á redución de emisión de gases invernadoiro, a eficiencia enerxética na construción, a resiliencia climática e as estratexias e mecanismos para transformar o sector construtivo nun dos actores principais na acción fronte ao cambio climático. Durante estas sesións, o LIFE Lugo + Biodinámico presentou as súas propostas para a adaptación da nosa cidade ao futuro do clima e tamén a proposta de Impulso Verde, o primeiro edificio público construído con madeira de especies galegas.
O proxecto, e todas as accións que xa está a desenvolver, espertou grande interese entre os participantes no evento, favorecendo o establecemento de novas colaboracións no futuro con outros proxectos LIFE e do Horizonte 2020.

As conclusións extraídas do traballo destas xornadas serán expostas na Semana Europea da Enerxía Sostible, que se celebra en Bruxelas durante estes días.

Na nosa fotogalería atoparás un bo resumo destes días en imaxes: