O LIFE Lugo + Biodinámico protagoniza unha reportaxe sobre as cidades verdes do futuro na páxina da Comisión Europea
A páxina web da Comisión Europea recolle, no seu apartado sobre Medio Ambiente e Clima, unha reportaxe sobre o LIFE Lugo + Biodinámico aproveitando un encontro coa Alcaldesa Lara Méndez e a Arquitecta municipal Susana Penedo.
Neste encontro, centrado nos obxectivos que ten o LIFE Lugo + Biodinámico, como o de convertir Lugo en modelo de resiliencia ao cambio climático para outras cidades europeas, a Arquitecta municipal Susana Penedo salientou que o proxecto de Barrio Multiecolóxico e de recuperación da contorna verde da cidade amosarán ao resto de Europa como o deseño ecolóxico orientado á sostibilidade pode contribuír a combater o cambio climático dende as cidades. Este obxectivo transformouse en especialmente importante agora, cando a realidade da pandemia e os confinamentos por todo o continente nos lembran a enorme importancia que as vivendas saudables e os espazos urbanos verdes teñen para o noso benestar.
Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, declarou que “o Barrio Multiecolóxico será un referente construtivo para todas as cidades europeas sostibles e resilientes“. As veciñas e veciños de Lugo poderán gozar da configuración orgánica dos espazos urbanos e verdes, que achegan o mellor da cidade e da natureza. No corazón deste novo barrio ubicarase o edificio Impulso Verde, estandarte do proxecto e peza arquitectónica que funcionará como espazo municipal e de traballo, contando con elementos sostibles e garantindo o autoabastecemento enerxético do edificio. Toda a zona do Barrio Multiecolóxico será un espazo de lecer pensado para protexer a natureza autóctona, con bosques urbanos e un humidal recuperado.
O equipo que traballa na configuración e plantexamento do Barrio Multiecolóxico céntrase nas novas técnicas construtivas para crear edificios innovadores a partir de materiais de orixe local, como a madeira galega. O uso pioneiro destes materiais construtivos, que substituirán ao aceiro e o formigón, garantirá que as construcións que se levanten a partir de agora na cidade de Lugo emitirán menos CO2 á atmosfera, reducindo deste xeito a pegada medioambiental da cidade.
“Cando unha cidade como Lugo asume este modelo como parte da estratexia da cidade, convírtea nun exemplo para outras cidades e vilas de tamaño medio da Unión Europea”, asegura Susana Penedo. “Unha vez superadas as dificultades que a COVID-19 nos está a plantexar, estaremos preparados para responder na nosa cidade mellorando a habitabilidade e os espazos urbanos” afirma Lara Méndez, alcaldesa de Lugo.