O LIFE Lugo + Biodinámico prepara unha serie de unidades didácticas para que os nenos e nenas sigan a participar do proxecto
O LIFE Lugo + Biodinámico convida a todas as nenas e nenos da cidade a participar do proxecto dende os seus fogares, pondo ao seu dispor diferentes unidades didácticas coas que aprender a través do xogo sobre as nosas diferentes accións e iniciativas. Estas unidades didácticas atópanse dispoñibles na sección de Recursos Didácticos da nosa web.
Estas actividades divulgativas teñen como obxectivo dar a coñecer a través do lecer diferentes aspectos e características do LIFE Lugo + Biodinámico. As unidades didácticas divídense en catro entregas, descargables de balde.
A primeira unidade está formada por unha sopa de letras sobre as diferentes variantes galegas da castaña que se poden atopar no Souto das Gándaras e un encrucillado no que hai que atopar diferentes conceptos que definen o proxecto e as súas accións, coma poden ser o Barrio Multiecolóxico, o primeiro da súa clase en España, que servirá como modelo de construción sostible e resiliente ao cambio climático tanto para a nosa cidade coma para outras cidades medias de Europa, ou o edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público levantado en madeira de Galicia. A segunda unidade consiste nun xogo de debuxo no que, conectando os puntos, atopamos diferentes follas de especies do Arboretum.
A terceira unidade didáctica ten como obxectivo que os nenos e nenas aprendan os principios básicos da construción ecosostible coa que se vai desenvolver o edificio Impulso Verde e que servirá base tanto para a edificación do Barrio Multiecolóxico da Garaballa, planificado para 1.200 vivendas, que garantirá a inclusión e a equidade social e interxeracional, promovendo a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana, coma para as novas vivendas que se constrúan no futuro na nosa cidade.
A cuarta e última unidade consiste en dous xogos de busca nos que hai que completar diferentes actividades a través da información das mesas de interpretación instaladas no Arboretum.
Dende o proxecto retamos a todas as familias a descargar as nosas unidades didácticas e poñer a proba os vosos coñecementos sobre o proxecto. Deste xeito, a través do LIFE Lugo + Biodinámico, queremos axudarvos tamén a facer que estes días de confinamento pola crise sanitaria do COVID-19 sexan máis entretidos para todos.