O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, impulsado polo Concello de Lugo, foi seleccionado para participar no Cumio do Cambio Climático (COP25), que terá lugar en Madrid do 2 ao 13 de decembro. A alcaldesa Lara Méndez exporá o martes 3 de decembro a estratexia que está a desenvolver no municipio, da man das investigacións do Campus Terra da USC e da Universidad Politécnica de Madrid, cara un desenvolvemento urbano que axude a mitigar os efectos do cambio climático.

O LIFE Lugo + Biodinámico darase a coñecer no COP25, o órgano supremo da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, nun cumio que será transcendente nun momento de emerxencia climática e que constitúe a última reunión para activar o Acordo de París, concibido como o primeiro pacto mundial vinculante en defensa do clima do planeta. Segundo a rexedora, a presenza de Lugo, que xunto a Pontevedra é o único municipio galego escollido para ter presenza no COP25, “supón un fito para a cidade e unha gran oportunidade para poder aportar o traballo que estamos a facer desde o concello na concepción de municipios resilentes á vez que potenciamos un modelo produtivo vinculado co sector forestal, e máxime cando estamos nun momento de emerxencia climática”.

Esta será unha gran oportunidade para divulgar e reforzar a nivel internacional todas as accións e desenvolvementos que estamos a levar a cabo dende o proxecto, e para o establecemento de sinerxías con outras iniciativas semellantes, na busca da adaptación dos entornos urbanos ao cambio climático.

Tags: