O LIFE Lugo + Biodinámico abre o bosque urbano das Gándaras e organiza contacontos musicais e visitas guiadas
Nas fins de semana dos meses de agosto e setembro, o goberno de Lara Méndez e LIFE Lugo + Biodinámico abren ao público o bosque urbano das Gándaras e organizan unha serie de visitas guiadas e contacontos musicais a esta nova zona verde de Lugo que poderán ser visitadas de xeito libre ou cunha visita guiada.
En palabras da alcaldesa, Lara Méndez: “Esta será a primeira vez que se abra este espazo ao conxunto dos lucenses, pois ata o de agora a vexetación atopábase en período de implantación”.
Dentro do marco da colaboración do LIFE Lugo + Biodinámico con FEARMAGA (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia) o vindeiro día 7 de agosto se celebrarán dúas actividades co título “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco“. O horario do contacontos na quenda da mañá será ás 11 h, e na quenda da tarde, ás 18 h. Nestas actividades orientadas ao público infantil a partir de 3 anos, inclúese un contacontos musical e unha visita ao Bosque urbano mentres se difunden valores medioambientais, económicos e sociais relativos ao monte e o seu coidado.
Ademais, as nenas e nenos recibirán un exemplar do conto “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco” e material didáctico do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
As visitas guiadas ao Bosque urbano das Gándaras, que se celebrarán todos os venres, sábados e domingos de agosto e setembro serán de balde, previa preinscrición a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal e nelas se aplicarán todos os protocolos de seguridade sanitaria para eventos en exteriores, cun máximo de 20 persoas por sesión e actividade. O acceso ás plantacións estará aberto ao público, de 9.30 h a 19.30 h.
Estas visitas serán desenvolvidas por guías profesionais que acompañarán ás persoas asistentes a través dos traballos no bosque urbano, repartindo as visitas en tres roteiros, dous en horario de mañá, específicos, e un completo pola tarde.
Na quenda da mañá serán:
- Ás 10 h, visita á área de Frondosas, Cultivos enerxéticos e o Souto. Duración estimada, unha hora.
- Ás 11.30 h, visita á parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, unha hora.
Na quenda da tarde:
- Ás 17 h, roteiro completo comezando na Área de Frondosas, Cultivos enerxéticos, Souto, Parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, dúas horas.
Os puntos de encontro para o comezo destas visitas, que se celebrarán sempre con inscrición previa, poden ser consultados neste mapa:
Lembramos que para o correcto desenvolvemento de todas as actividades, tanto as visitas guiadas coma os contacontos, é imprescindible o uso da máscara e recomendamos, ademais, o emprego de gorra ou sombreiro e protección solar.