O LIFE Lugo + Biodinámico esperta grande interese no Foro das Cidades 2022 de Madrid
Entre os días 14 e 16 de xuño celebrouse en Madrid o Foro das Cidades 2022. Nesta quinta edición debateuse arredor da xestión dos espazos urbanos para o benestar humano. Neste contexto, a alcaldesa de Lugo participou nunha sesión denominada “Cidade 15 minutos e territorio 45 minutos”, onde salientou o modelo de cidade que se está a desenvolver grazas a proxectos coma o LIFE Lugo + Biodinámico.
Neste encontro participaron tamén o Coordinador xeral do Plan Estratéxico Metropolitano de Barcelona, Oriol Estela, Beatriz Ramírez, responsable da área Urbanismo para a Vida do Foro NESI, Frances Boia, secretario xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Silvia Villacañas, directora de Planificación Estratéxica do Concello de Madrid e Diego Isabel la Moneda, director do NESI. Durante a intervención de Lara Méndez na mesa redonda expuxo as diferentes iniciativas que o Concello está a levar adiante para garantir o confort climático en toda a cidade, entre as que o edificio Impulso Verde e o Barrio Multiecolóxico espertaron un grande interese.
Esta edición do Foro das Cidades 2022 contou con máis de 30 sesións, 60 cidades participantes, 200 poñentes e máis de 1500 asistentes que partillaron coñecementos e experiencias arredor de catro eixos principais, a Planificación urbana, a Renaturalización, as Cidades para habitar e a Economía circular.