O LIFE Lugo + Biodinámico vén de tomar contacto co proxecto LIFE Lungs de Lisboa, para xerar unha nova oportunidade de colaboración entre proxectos e establecemento de sinerxías.

O proxecto LIFE Lungs, que ten a súa base en Lisboa (Portugal), ten como obxectivos principais a adaptación da infraestrutura verde urbana a eventos de precipitación extrema, inundacións e escaseza de auga, mediante medidas de xestión da auga e mellora da absorción do solo; o aumento do secuestro de carbono promovendo a creación de prados de secano con biodiversidade e aumentando a cobertura arbórea; a creación de infraestruturas verdes urbanas para mitigar os efectos das vagas de calor, implementando solucións baseadas na natureza; apostar pola biodiversidade, a conservación do solo e a regulación do ciclo hídrico e promover a concienciación cidadá.

Para acadar estes obxectivos, o proxecto promove unha serie de accións que xa se están a desenvolver dende o ano 2020, como son a mellora, instalación e explotación de prados de secano biodiversos, o reparto de rabaños de ovellas como axente urbano non mecánico para o control da vexetación e a conservación do solo, unha serie de medidas de xestión da auga, o aumento da densidade de espazos arbóreos ao longo da infraestrutura verde urbana de Lisboa e a transferencia e réplica dos resultados do proxecto, como fai o LIFE Lugo + Biodinámico.

A través das sinerxías con este e outros proxectos, o LIFE Lugo + Biodinámico continúa a reforzar a súa vibilidade, incorporando novos coñecementos por parte doutros proxectos e dando a coñecer as iniciativas de éxito que se están a acadar en Lugo.

Tags: