magosto

O LIFE Lugo + Biodinámico, impulsado polo Concello de Lugo, organiza o vindeiro sábado 14 de decembro, a partir das 12.00 horas, unha visita guiada e aberta a toda a veciñanza ao novo pulmón verde das Gándaras, que finalizará ás 13.00 horas cun magosto, o primeiro que se organiza nas parcelas de actuación do proxecto.

Ambos eventos contarán coa presenza da Alcaldesa Lara Méndez e con expertos do Campus Terra que explicarán á veciñanza os proxectos que alí se desenvolven e cos que está previsto percorrer os diferentes puntos de actuación do proxecto, como o Arboretum de especies autóctonas, a plantación de frondosas para a produción de madeira de calidade, a zona dedicada aos cultivos enerxéticos para a elaboración de biomasa ou a recuperación do humidal e o bosque de ribeira que o rodea, que vai ser declarado ENIL (Espazo Natural de Interese Local). O roteiro finalizará na carpa instalada na zona do Souto, onde se repartirán castañas entre todas as persoas asistentes.

Nesta contorna do Pulmón Verde estase a investigar o potencial da produción de madeira como produto renovable, reciclable, neutro en emisións de carbono, de elevada eficiencia enerxética e de gran calidade para distintas transformacións industriais. O obxectivo deste proxecto LIFE é actuar coma un revulsivo a nivel empresarial e industrial, transformando o modelo económico da cidade e xerando novos empregos verdes.

Como destacou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na presentación que realizou deste proxecto a semana pasada no Cumio do Clima de Madrid (COP25), este novo pulmón verde de 16 hectáreas completa o Cinto Verde de Lugo “xerando un espazo que mellora a calidade do aire da contorna, fomentando a absorción de CO2 e axudando á recuperación de especies de flora e fauna”.

Mediante esta visita o Concello tamén quere impulsar a divulgación das diferentes actuacións vencelladas á bioeconomía que se están a desenvolver no municipio. Con este obxectivo programáronse durante os meses de novembro e decembro uns obradoiros de poda de castiñeiros, de balde e abertos a toda a veciñanza, destinados a calquera persoa interesada en fomentar e mellorar a produción dun dos recursos naturais máis valiosos de Lugo. As inscricións continúan abertas para as quendas do 16 e o 23 de decembro, a través do formulario web.