O edificio Impulso Verde, símbolo da transformación ambiental e económica que desenvolve Lugo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o secretario xeral do PSdG, Valentín González Formoso, visitaron este venres, acompañados do concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a deputada de Réxime Interior, Pilar García, as instalacións do Impulso Verde, cuxas obras se atopan a piques de rematar. Lara Méndez explicou que “a día de hoxe, Lugo é un municipio referente e pioneiro na posta en marcha de iniciativas encamiñadas ao coidado do medio ambiente e o fomento da economía verde e circular; dende hai seis anos estamos a defender a necesidade de transformar a cidade para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, mediante execución de proxectos, apoiados pola Unión Europea, así como coa posta en marcha da estratexia Lugo Transforma”.
O Impulso Verde é o primeiro edificio de carácter público que se constrúe en Galicia con madeira local certificada 100% e xa é un referente na loita contra o cambio climático, capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Deste xeito, como avanzou a rexedora “o uso da madeira como elemento construtivo permitirá emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro”. “Actualmente estanse a executar as últimas labores de posta a punto, como a instalación de sensores para a monitorización do edificio, polo que a previsión é que nas vindeiras semanas poida quedar completamente rematado”, subliñou Lara Méndez.
O Impulso Verde é, así mesmo, o primeiro en España e un dos poucos no mundo que conta coa prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais. Ademais de madeira local, o inmoble está revestido por lousa galega.
De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde contará cunha parte administrativa, un espazo de reunións e unha área de coworking de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular, consonantes coa transformación do municipio e, polo tanto, cunha gran proxección económica. Ademais, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinados ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortas urbanas innovadoras e de usos comunitarios cunha funcionalidade terapéutica e didáctica en prol da convivencia interxeracional.
As obras de construción do Impulso Verde comezaron a finais de 2020 e, desde entón, xa recibiu a visita de asociacións da madeira de distintos países, asociacións do sector da construción e centros de formación de toda Galicia. Ademais, foi obxecto de relatorio no Cumio do Cambio Climático de Madrid (COP25), o XV Congreso Nacional CONAMA, a terceira edición do Foro das Cidades, etc.; así como finalista de certames como os Premios Rebuild 2021 e elixido Mellor Proxecto Internacional do 2021 pola firma CUPA, líder mundial no sector da lousa natural.