O edificio Impulso Verde, protagonista do Mass Timber Seminar de Rothoblaas
Durante os días 1, 2 e 3 de outubro de 2022 tivo lugar en Valencia o Mass Timber Seminar organizado pola empresa de construción en madeira Rothoblaas. Durante os tres días que durou o encontro, profesionais da construción en madeira a nivel internacional puideron participar en palestras, intervencións e casos prácticos sobre os avances e beneficios no mercado da construción sostible.
No terceiro día do encontro, Antonio Lara, arquitecto e investigador na Universidad Politécnica de Madrid e socio do proxecto, presentou o edificio Impulso Verde. Durante a súa exposición destacou os elementos que fan do Impulso Verde un modelo a seguir. O Impulso Verde é, na actualidade, o primeiro edificio público galego levantado en madeira, e un exemplo construtivo en alta tecnoloxía de madeira estrutural que supón un novo avance na loita por rebaixar os impactos da emisión de CO2 á atmosfera, ao emitir un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro.
A presentación do edificio obtivo unha gran acollida e espertou moito interese entre as persoas asistentes á presentación.