O edificio Impulso Verde contará cun carril bici que o conectará coa cidade
Esta semana o Goberno municipal presentou un proxecto de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no norte da cidade de Lugo, que xerará novos espazos peonís e carrís bici para a veciñanza. Dentro destas actuacións contémplase a habilitación dun carril bici que conecte a zona comercial das Gándaras e a área de desenvolvemento do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico co resto da cidade.
O edificio Impulso Verde, que se levantará nesta zona, será un dos principais beneficiados por esta iniciativa. Con este proxecto, o edificio será accesible á cidadanía a través de alternativas ás vías rodadas, coma sendas peonís dotadas de beirarrúas, iluminación e mobiliario urbano e tamén de carrís bici que facilitarán que os veciños e veciñas poidan visitar este emprazamento municipal.
Con este anuncio afiánzase o compromiso do Concello co proxecto LIFE Lugo + Biodinámico e o seu obxectivo para a redución de emisión de CO2 á atmósfera, ofrecendo alternativas sostibles ao transporte rodado.