O edificio Impulso Verde, adxudicado na Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo
O pasado mércores 26 de agosto, a Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou a adxudicación das obras do edificio Impulso Verde, por 1,5 millóns de euros. O goberno de Lara Méndez ratifica deste xeito a construción deste inmoble, semente do Barrio Multiecolóxico que se levantará na zona da Garaballa.
O Impulso Verde será o primeiro edificio público de Galicia construído na súa totalidade con madeira autóctona certificada e é o estandarte principal do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. A empresa adxudicataria dos traballos foi EGOIN S.A. e o prazo de execución das obras será de 15 meses.
A alcaldesa Lara Méndez destacou que “o Impulso Verde converterase nun referente na loita contra o cambio climático, apostando por un novo modelo construtivo máis respectuoso co medio ambiente, pero tamén será un revulsivo económico, pois con este proxecto buscamos dinamizar o sector forestal galego e contribuír ao seu pulo”. Neste sentido, lembrou que o proxecto de construción das cidades sostibles do futuro no que Lugo está a ser un referente a través da estratexia LIFE aposta polo uso da madeira como elemento estrutural. O modelo de construción que fomenta o LIFE Lugo + Biodinámico implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. No tocante ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións.