O Concello de Lugo autorizou esta semana a construción, no Polígono do Ceao, dun edificio industrial que albergará unha central de produción térmica centralizada de auga quente para calefacción. Esta nova infraestrutura, que posteriormente se completará cunha rede de distribución urbana na avenida Benigno Rivera, contempla a instalación de 4 caldeiras de biomasa e dúas de gas natural nunha parcela, na que tamén se preveé a creación de 23 prazas de estacionamento vinculadas, e na que ocupará unha superficie de 2.204 m².

Esta proposta xorde a partir das ideas recollidas no Catálogo de Solucións Urbanas do LIFE Lugo + Biodinámico, unha recopilación de medidas sustentables a diferentes escalas, desde o máis concreto, o edificio, ata o conxunto da cidade, achegando solucións tamén para rúas e barrios. Contando cos principios do LIFE Lugo + Biodinámico, esta planta empregará tecnoloxía de combustión de Biomasa e enerxía eléctrica procedente de fontes renovables –biomasa e enerxía solar de concentración- para producir auga quente, tanto para calefacción como sanitaria, dando servizo a edificios residenciais, centros educativos, sanitarios e administrativos, entre outros.

Deste xeito, a veciñanza poderá dispoñer de calefacción e auga quente nos seus domicilios sen precisar de instalacións particulares para o abastecemento enerxético o que implica unha redución de custos, porque só pagará polo consumo, que é até un 20% máis barato que o dos sistemas actuais. “Cómpre destacar que, á marxe das vantaxes e beneficios medio ambientais que aporta, cos que queremos contribuír á descarbonización da atmosfera, a iniciativa ten tamén un carácter de dinamización económica e xeradora de emprego local”, lembrou a alcaldesa Lara Méndez na presentación desta nova central de produción térmica.

Así, os principios do LIFE Lugo + Biodinámico e do Catálogo de Solucións Urbanas GUD-Lugo consolídanse na cidade e son un exemplo para outros municipios europeos.

Tags: