LIFE Lugo + Biodinámico visita ao LIFE Lungs de Lisboa
Dentro das accións de promoción do LIFE Lugo + Biodinámico, continuamos co establecemento e promoción de sinerxías con proxectos cos que colaboramos ao longo destes anos. Os pasados 29 e 30 de novembro visitamos Lisboa para coñecer de primeira man o impacto que están a ter as diferentes accións que esta iniciativa está a desenvolver por toda a cidade e, ademais, dar a coñecer os avances do noso proxecto.
LIFE Lungs ten a súa base en Lisboa e, entre os seus obxectivos están a adaptación da cidade a diferentes fenómenos relacionados coa auga, coma a precipitación extrema, inundacións, escaseza e absorción do solo; o aumento do secuestro de carbono, promovendo a creación de prados de secano con biodiversidade e aumentando a cobertura arbórea; a creación de infraestruturas verdes urbanas para mitigar os efectos das vagas de calor, implementando solucións baseadas na natureza; apostar pola biodiversidade, a conservación do solo e a regulación do ciclo hídrico e promover a concienciación cidadá. Dentro das actividades destas dúas xornadas de intercambio de información celebrouse unha presentación na que participou Susana Penedo, arquitecta municipal do Concello de Lugo, como representante do LIFE Lugo + Biodinámico.
Este proxecto promove unha serie de accións que xa se están a desenvolver dende o ano 2020, como son a mellora, instalación e explotación de prados de secano biodiversos, o reparto de rabaños de ovellas como axente urbano non mecánico para o control da vexetación e a conservación do solo, unha serie de medidas de xestión da auga, o aumento da densidade de espazos arbóreos ao longo da infraestrutura verde urbana de Lisboa e a transferencia e réplica dos resultados do proxecto, como fai o LIFE Lugo + Biodinámico.