As II Xornadas de Urbanismo de Sarria, Planifik, celebradas esta pasada fin de semana, contaron co proxecto LIFE Lugo + Biodinámico como un dos seus protagonistas principais.

Durante o encontro tratáronse temas como a ordenación urbanística, a sustentabilidade e a integración respectuosa do medio ambiente co entorno urbano, sempre dende o punto de vista e a experiencia de diversos municipios galegos. Así, o venres analizáronse os modelos urbanísticos de Allariz e Carballo e o sábado chegou a quenda de Lugo. A arquitecta municipal do concello de Lugo, Susana Penedo e o responsable do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, Boris Hinojo, presentaron e analizaron polo miúdo o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, debullando tanto as accións que xa foron implementadas e se están a desenvolver, como todas as que quedan ata o 2020, data de finalización do proxecto.

Ambos os dous explicaron que o obxectivo deste proxecto, presentado na conferencia “Sementando cidades sostibles” é transformar Lugo e a súa contorna nun modelo de cidade resiliente ao cambio climático que se poida exportar e implementar noutras urbes a nivel europeo. O proxecto tivo unha grande acollida por parte do público e os profesionais que se deron cita, tanto na conferencia de presentación do proxecto como na mesa redonda que se celebrou a seguir.