LIFE Lugo + Biodinámico clausura o Ciclo de conferencias Luis Asorey
O pasado mércores 27 de novembro clausurouse o Ciclo Luis Asorey de conferencias, que nesta edición levaba por título “Bioeconomía e economía circular“. Ao longo das dúas semanas nas que se estendeu o programa de palestras, o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico estivo moi presente, mesmo dende a súa xornada inaugural, que contou coa Alcaldesa de Lugo Lara Méndez, para dar a benvida a todas as persoas asistentes, acto que aproveitou para reforzar a aposta do Concello de Lugo pola bioeconomía e as melloras que o proxecto LIFE está a deixar xa na cidade.
A derradeira xornada do ciclo estivo enteiramente dedicada ao LIFE Lugo + Biodinámico e ás actuacións que, concretamente en torno aos Bosques Urbanos, se veñen desenvolvendo no proxecto. A primeira en intervir foi a Doutora en Enxeñaría de Montes da USC e socia do proxecto, Esther Fernández Núñez, quen explicou os beneficios que a aposta polos Bosques Urbanos e a recuperación de zonas verdes e especies arbóreas ten para as cidades e entornos urbanos. Pechou a xornada o coordinador do ciclo e Catedrático da USC, Antonio Rigueiro, quen ademais de explicar as diferentes accións de plantación e recuperación de especies autóctonas que se están a desenvolver no LIFE Lugo + Biodinámico, salientou a importancia de dar a coñecer entre a poboación apostas coma a do edificio Impulso Verde ou o desenvolvemento do Barrio Multiecolóxico.