Expertos do Climate Smart Forest Economy Program visitarán o Impulso Verde
O edificio Impulso Verde recibirá a visita do equipo de dirección e técnico do Climate Smart Forest Economy Program, iniciativa que conta coa colaboración de socios coma o Foro Económico Mundial e EIT Climate-KIC, principal iniciativa de innovación climática da UE.
O CSFEP amosou o seu interese por coñecer as características que fan deste edificio unha construción única, emblema do modelo de urbanismo que se está a desenvolver ao abeiro do LIFE Lugo + Biodinámico, coa fin de adoptalo como exemplo de estudo de construción innovadora e sostible.
A visita, que terá lugar o vindeiro luns 28 de marzo, está formada polo equipo integrado por 15 expertos procedentes de Sudáfrica, Estados Unidos, Suíza, Francia, Reino Unido e Croacia, que tamén coñecerán o novo bosque urbano de 20 hectáreas de Lugo, onde, entre outras plantacións, se recrean 8 bosques autóctonos galegos.
Esta visita enmárcase na reunión anual do Comité Directivo do Climate Smart Forest Economy, que se celebrará en Galicia este ano. O programa, que conta co financiamento da Fundación Good Energies e co apoio de Dalberg Catalyst, ten como principal obxectivo velar por que a cadea de valor dos bosques e as economías dependentes dos mesmos sexan climaticamente intelixentes e poidan garantir o benestar ambiental e social da súa contorna.
O interese amosado polo Impulso Verde débese ás características únicas do seu proceso de planificación, desenvolvemento e execución, con avances ambientais coma o uso da madeira como elemento estrutural ou o seu consumo enerxético case nulo reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro. Este edificio é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro en España e un dos poucos no mundo en obter a prestixiosa certificación de proxectos FSC (que garante que non contribúe á deforestación e aposta polo produto local), converténdose nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.
O Impulso Verde resultou gañador no 2021 dun certame internacional grazas á súa cuberta de lousa galega e foi finalista dos premios Rebuild 2021 debido ás súas innovadoras características construtivas. A súa cuberta tamén foi galardoada no Congreso Mundial da Enxeñaría da Madeira de Seúl, o máis importante do mundo.
Con esta visita, o LIFE Lugo + Biodinámico consolida o seu obxectivo demostrativo, divulgando o coñecemento adquirido ao longo do proxecto.