Coa chegada de setembro voltan os contacontos musicais ao LIFE Lugo + Biodinámico
Os contacontos musicais organizados coa colaboración de FEARMAGA volven ao Bosque Urbano do LIFE Lugo + Biodinámico. Coma na súa primeira edición, celebrada a comezos de agosto, a Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia colabora co proxecto presentando a obra musical para público infantil “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco”. Esta obra, orientada ao público infantil a partir de 3 anos, quere difundir valores medioambientais, económicos e sociais relativos ao monte e o seu coidado entre as nenas e nenos.
Os contacontos musicais celebraranse os vindeiros días 4, 11 e 25 de setembro (sábado), en dúas quendas, ás 12h e ás 17h30, e serán de balde, previa inscrición a través do enderezo lifealcaldia@lugo.gal. As nenas e nenos asistentes recibirán un exemplar do conto “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco” e material didáctico do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
Ademais, neste mes continúan as visitas guiadas ao Bosque urbano das Gándaras, que se celebrarán todos os venres, sábados e domingos do mes de setembro. Coma no caso dos contacontos musicais, as visitas son actividades de balde, previa preinscrición a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal e nelas se aplicarán todos os protocolos de seguridade sanitaria para eventos en exteriores, cun máximo de 20 persoas por sesión e actividade. O acceso ao Bosque Urbano estará aberto ao público, de 9.30 h a 19.30 h.
As visitas guiadas serán desenvolvidas por guías profesionais que acompañarán ás persoas asistentes a través dos traballos no bosque urbano, repartindo as visitas en tres roteiros, dous en horario de mañá, específicos, e un completo pola tarde.
Na quenda da mañá serán:
- Ás 10 h, visita á área de Frondosas, Cultivos enerxéticos e o Souto. Duración estimada, unha hora.
- Ás 11.30 h, visita á parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, unha hora.
Na quenda da tarde:
- Ás 17 h, roteiro completo comezando na Área de Frondosas, Cultivos enerxéticos, Souto, Parcela de Aromáticas, Arboretum e Humidal das Gándaras-O Ceao. Duración estimada, dúas horas.
Os puntos de encontro para o comezo destas visitas, que se celebrarán sempre con inscrición previa, poden ser consultados neste mapa:
Lembramos que para o correcto desenvolvemento de todas as actividades, tanto as visitas guiadas coma os contacontos musicais, é imprescindible o uso da máscara e recomendamos, ademais, o emprego de gorra ou sombreiro e protección solar.