EV08 FACHADAS VERDES
Fachadas coma soporte de vexetación ou xardín en vertical
Obxectivo
Aumentar as prestacións térmicas do edificio e a superficie verde capaz de contrarrestar as emisións contaminantes pola súa capacidade de retención de CO2.
Por que?
Comportan un mínimo mantemento e baixos requirimentos hídricos e actúan sobre diferentes parámetros:
• Sobrequentamento: As cubertas verdes contribúen á mitigación do fenómeno illa de calor ao seren amortecedores potenciais da temperatura.
• Espazos verdes e biodiversidade: Os xardíns verticais potencian os conectores, que nunha rede de hábitats intermitentes, facilitan o movemento e a dispersión da avifauna na cidade.
• Autosuficiencia enerxética: Unha fachada verde reduce a temperatura superficial exterior e mellora o illamento térmico e acústico a nivel de interior do edificio soporte.
• Adaptación e mitigación do cambio climático: As superficies con cuberta vexetal axudan a mitigar as emisións de CO2 ao fixaren este gas a través do proceso fotosintético.
Como?
O sistema é aplicábel a fachadas, medianís ou solo dentro dos balcóns abertos. No caso das fachadas de edificación en estrito aliñamento, ou cos recuados normativos respecto do aliñamento, cómpre verificar co concello as condicións nas que se permite voar sobre aliñamento de fachada. Tamén existen no mercado elementos de moblaxe urbana constituídos en bastidores verticais coma soporte de vexetación.
Dependendo do tipo de soporte e localización podemos elixir entre unha grande variedade de sistemas de fachadas verticais.
• Segundo a forma de plantación ou cultivo
• Con plantación en terra
• Con substrato orgánico
• Hidropónicos
• Polo sistema de soporte
• Coma revestimento da fachada
• En estrutura superposta con acceso de mantemento
• En función da instalación
• Modular
• Non modular
Segundo o cultivo hai varios sistemas:
• De plantación en terra. Utilízase con especies subideiras plantadas no terreo ás que se lle facilita o crecemento por mallas, tensores ou bastidores acaroados á fachada.
• Con substrato orgánico. As raíces crecen nun medio granular con porcentaxe orgánica, que lles confiren a capacidade de retención de auga, aireación e drenaxe. Os nutrientes poden vir aportados vía rego en maior ou menor porcentaxe, pero non son imprescindíbeis para o funcionamento a curto prazo.
• Con cultivo hidropónico. Non conta cun substrato orgánico coma nutrinte. As plantas absorben os minerais esenciais por medio de ións inorgánicos disoltos na auga vía rego. Nestes sistemas as raíces crecen nun medio inerte: feltro non tecido, la de roca ou escumas técnicas. O sistema estándar adoita vir formado por un bastidor metálico, ao que se fixa unha lámina de PVC expandido, e un feltro de poliamida. O bastidor, autoportante ou ancorado ao muro, pode deixar unha una cámara de ar duns centímetros para coutar o paso das raíces
cara o muro. A lámina de PVC proporciona estanquidade e rixidez ao feltro, que posúe alta capilaridade e capacidade de retención de auga. O rego efectúase a través dun cano provisto de perforacións situado na parte superior da fachada.
O sistema de soporte adoita estar nunha capa acaroada á fachada cunha subestrutura máis ou menos sinxela de montaxe dos módulos, mais pode ser necesario que esa estrutura sirva tamén de sistema de acceso aos diferentes niveis da fachada a través de escaleiras para poder exercer o mantemento necesario e controlar o rego e a aplicación de fertilizantes.
A instalación da vexetación pode vir en módulos ou potes, aínda que os de plantación en terra no seguen ese esquema. Os módulos ou potes poden ser de diferentes materiais e medidas dispoñíbeis no mercado, xeralmente de polietileno e están provistos dun circuíto cun depósito para o subministro de auga ás plantas. Para a súa instalación, móntanse sobre perfís horizontais fixados mecanicamente á fachada ou a unha estrutura auxiliar. O fornecemento de auga realízase na parte superior da fachada.
Cómpre ter en conta que o custo de mantemento pode ser elevado, sendo por ilo, esencial unha aquelada selección das especies vexetais que as compoñen. Tamén é pertinente estudar a recollida da auga que non se retén, ben sexa recollendo para o seu reaproveitamento ou canalización, evitando a caída descontrolada pola fachada.
Na escolleita e cálculo da estrutura hai que contar coa carga total, que vén determinada polo peso da planta, o da propia estrutura, o batemento do vento e a carga de neve. Sen esquenceren os posíbeis danos estruturais (por humidade ou insectos) que poidan provocar no muro.
En función das dimensións da fachada pode ser rendíbel estudar o sistema de rego en combinación co sistema de captación de auga de choiva en depósito específico.
ESQUEMA DE TÉCNICAS DE NATURALIZACIÓN EN FACHADAS
Esquema de funcionamento do sistema de aproveitamento de auga de choiva para o rego do xardín vertical do Palacio de congresos Europa de Vitoria-Gasteiz. Fonte: www.vitoria-gasteiz.org
Xardin vertical da plaza do CaixaForum en Madrid. Fonte: caixaforum.es
com
Drew School. San Francisco. California. drystonegarden.com
Intervencións a escala de edificio
Sobre que actúa
Combinación con outras solucións
Elementos de medida
Indicador
(I1) Captura de CO2 (CaCO2)
(I2) Superficie verde
Unidade
(I1) g CO2/ano
(I2) %
Obxectivo mínimo
(I1) 1 g CO2/m² fachada
(I2) 5% de fachada
Obxectivo desexable
(I1) 2 g CO2/m² fachada
(I2) 10% de fachada
Método de medición / Fórmula
Δg CO2 = A x B x C
A: % de superficie de fachada verde
B: Superficie total de fachada en m2
C: Capacidade de captura de CO2/m2 (en función da especie)
Establécese un valor mínimo de captación para considerar a
fachada como efectiva de 20g CO2/m2 de fachada/ano
Nivel de Planeamento
Proxecto de construción
Axentes implicados
Equipa de deseño e planificación
Promotores inmobiliarios
Técnicos da administración
Propietarios particulares
POSÍBEIS ACTUACIÓNS PROMOVIDAS POLA ADMINISTRACIÓN:
• Elaboración dun inventario de zonas ou fachadas aptas para a súa implementación a través de observación directa ou análise xeográfico da cartografía dispoñíbel.
• Bonificacións sociais e/ou económicas para favorecer a súa implantación.
• Modificación da normativa para permitir este tipo de fachadas, redefinindo en consecuencia o concepto de aliñamento ou recuado.
QUE HAI QUE TER EN CONTA PARA A SÚA IMPLEMENTACIÓN?
As limitaciones técnicas da edificación:
• O tipo edificio: A propiedade e posíbeis restricións normativas en materia de seguridade ou outros tipos de restricións de carácter patrimonial.
As limitacións da vexetación:
• Selección do tipo de vexetación acaída ás condiciones climáticas e a especies locais.
• Para garantir o resultado e un crecemento acaído cómpre aboala e instalar un sistema de rego.