EV07 PECHES VEXETAIS
Incorporación da vexetación coma estrutura total ou parcial de peche de parcelas ou separación de usos
Obxectivo
A incorporación da vexetación en formacións de peche, tanto nos límites de aliñamento coma na separación de usos en espazo público.
Por que?
A limitación do acceso a recintos e parcelas é unha operación obrigada no reparto do solo que organiza o medio urbano. Neste medio, a división entre o espazo público e privado trázase de xeito preciso e visíbel, converténdose en elemento clave na conformación da súa paisaxe, especialmente nas zonas de crecemento suburbano. A adopción de peches vexetais no medio urbano permite naturalizala cidade e fomentala conectividade ecolóxica entre o medio rural e o urbano a través das amplas zonas transición periurbana. Estes peches tamén son de aplicación na separación de usos no espazo público e actúan sobre diferentes parámetros:
►Paisaxe urbana: O uso do material vexetal convértese na mellor estratexia de integración paisaxística nas zonas periurbanas e nas zonas urbanas con exposición visual cara o exterior.
►Conectividade ecolóxica: Este tipo de peche permite ao acubillo no seu interior de pequenos mamíferos, avifauna, insectos e anfibios, tamén o crecemento de fungos, carrizas e outras especies vexetais espontáneas contribuíndo á mellora da biodiversidade. A continuidade deste tipo de separacións xoga un grande papel na xestión ambiental do dominio público da rede hídrica e viaria.
►Ciclo hídrico: A vexetación nos peches intervén fundamentalmente na intercepción de auga de choiva.
► Seguridade e ocultación de vista: Son solucións compatíbeis con outras específicas de control acceso coma os sistemas de valados e arame, tamén os muros opacos de altura limitada. É unha boa solución para o ocultamento de vistas cara o interior de recintos e acadar un efecto de apantallamento que -como se ten dito- pode ser unha
estratexia de integración paisaxística.
►Urbanismo bioclimático: Foron empregados sistematicamente coma amortecedores de correntes de ar. En función do tamaño poden reducir a radiación solar e proporcionar sombra.
►Adaptación e mitigación do cambio climático: O seu uso baséase na implantación de material vexetal leñoso e moi vigoroso polo que axudan a mitigar as emisións de CO2 ao fixaren este gas a través do proceso fotosintético.
►Economía: Estes tipos de peche son de fácil deseño e execución. A súa conservación é pouco custosa, xa que adoitan empregar especies, que dunha volta consolidadas, requiren un escaso mantemento.
Como?
Un peche vexetal é unha banda de largo considerable profusamente vexetada. Pode asumir as funcións de límite de propiedade, ou as de protección e separación no espazo público. O espesor mínimo considerado é de 1,00 m e no caso da propiedade privada emprazarase cara o interior da parcela.
As posibilidades de deseño son moi diversas, mais potenciaranse as solucións que incorporen vexetación autóctona, biodiversidade (variación de especies) e incorporen elementos que favorezan a súa función coma reserva de fauna beneficiosa. As intervencións tenderán a un aspecto naturalizado.
No espazo público e en ausencia de conflitos demaniais poderán introducirse especies arbóreas de porte medio e alto.
Exemplo esquemático de solucións de peche
Integración paisaxística do Vial Principal do Porto de Algeciras, peches vexetais cara vial e aliñamentos de concesións. (plan. 2014-2018)
Orla no Xardin da Fund.Gulbenkian, Lisboa, plantación complexa, diversa e estratificada (plan. 1963-69, A. Viana e G. Ribeiro Telles; ‘Estudo dos limites,1968’ Arquivo. F. Gulbenkian)
Intervencións a escala de edificio
Sobre que actúa
Combinación con outras solucións
Elementos de medida
Indicador
(I1) Captura de CO2 (CaCO2)
Unidade
(I1) kg CO2 / ano
Obxectivo mínimo
(I1) O correspondente a unha cobertura de predominio leñoso/
arbustiva (1 kg CO2/m²·ano)
Obxectivo desexable
(I1) O correspondente a unha cobertura estratificada e diversa
(5 kg CO2/m²·ano)
Método de medición / Fórmula
(I1) CaCO2 (kg CO2·ano) = [A x B]
A: m² de superficie de peche
B: valor de absorción medio
(5 kg/CO2/m²·ano en árbores+leñosas/arbustos; 1 kg CO2/m²·ano
en leñosas; 0,05 kg CO2/m²·ano en herbáceas)
Nivel de Planeamento
Proxectos de urbanización e obras ordinarias
Plans de reforma de espazo publico
Proxecto de edificación
Axentes implicados
Técnicos da administración local
Técnicos da administración supramunicipal
Equipas de arquitectura e enxeñería
POSÍBEIS ACTUACIÓNS PROMOVIDAS POLA ADMINISTRACIÓN:
• Ordenanza de Paisaxe Urbana referida á vexetación coma elemento específico de peche ou combinado con outros elementos.
• Guía de peches vexetais adaptada ás condiciones locais, valorando as soluciones tradicionais e elaborando modelos de plantación de orlas e peches
QUE HAI QUE TER EN CONTA PARA A SÚA IMPLEMENTACIÓN?
• A selección do tipo de vexetación acaerá ás condicións específicas de cada espazo (eficiencia, captación de contaminantes, flexibilidade, resiliencia e adaptación,…)
• Non se pode prescindir en ningún caso das demandas funcionais (espazo, infraestrutura e materiais) sobre e baixo superficie.
• A seguridade de utilización das vías/rúas é primordial, garantindo a compatibilidade dos diferentes modos de circulación e a visibilidade de semáforos e sinais. En todo caso definiranse as tolerancias de voo sobre o espazo público en cada caso concreto.