UB06 REDES DE CALOR (DISTRICT HEATING)
Concentrar a infraestrutura de xeración térmica con enerxía renovable para dar servizo a varios edificios
Obxectivo
Implantar con eficiencia aquelas infraestruturas de xeración de calor que sirvan e abastezan aos habitantes e ás actividades que se desenvolvan. Optimizar a xestión tanto da produción como do consumo dos sistemas enerxéticos. Aplicar sistemas de produción con enerxías renovables.
Por que?
Os avances tecnolóxicos permitiron superar moitos inconvenientes que estaban relacionados cos sistemas centralizados.
Vantaxes:
• Mellor rendemento da instalación
• Aforro do espazo dedicado aos equipos
• Acceso a unha fonte de enerxía de custo económicamente competitivo
• Redución no investimento en equipos
• Redución na xestión
• Equipos máis eficientes implican redución do impacto medioambiental
• Xestión e mantemento centralizados máis eficaces en tempo e custo
• Control de impacto medioambiental
• Posibilita o uso das enerxías renovables e aproveitamento da calor residual
• Posibilita o uso de refrigerantes non contaminantes
• Diversificación de abastecemento enerxético
• Tratamento máis eficiente de ruído e seguridade nas plantas xeradoras
Como?
A calefacción urbana, calefacción de barrio (tradución do inglés district heating) é aquela na que a calor (a enerxía térmica) se produce nunha central e se distribúe por unha rede urbana para servir a varios edificios. Dende unha central de produción de calor distribúese auga quente por medio de conducións illadas térmicamente cara as subcentrais de edificio onde, cun intercambiador, se prepara a auga coas características (presión e temperatura) propias da instalación do edificio.
A vantaxe dos sistemas produtores de calor de gran tamaño é que teñen rendementos moitos maiores ca os pequenos, o que supón un grande aforro de emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademáis, teñen un sistema de revisións e posta a punto frecuentes e ao ser a central térmica gran consumidora de combustible pódese negociar cos subministradores prezos máis baixos do combustible.
Como fonte de calor utilizaranse sistemas de enerxía renovable, como a enerxía xeotérmica ou as enerxías residuais de procesos térmicos da industria ou da xeración de electricidade (coxeración). As desvantaxes de carácter técnico (perdas e bombeo) están dentro dun rango aceptable, aproximadamente un 8% en termos da eficiencia enerxética global do sistema.
Outro aspecto relacionado cos sistemas centralizados, para ter en conta na planificación urbanística, é o espazo para a acumulación de calor. Nas dúas últimas décadas demostrouse a viabilidade da acumulación estacional (verán-inverno). Hai que resaltar que acumulación de auga refrixerada ou quentada en depósitos é un dos métodos amplamente aplicados para reducir a demanda punta. A súa utilidade é múltiple: aplícase para diminuir a potencia instalada en equipos, para obter un funcionamento continuo dos equipos, sen variacións bruscas e en réxime de rendimentos óptimos; isto implica unha eficiencia promedia máis alta e unha vida útil de equipos máis longa. No caso de equipos de coxeneración maximiza a produción de electricidade; no caso de máquinas de frío eléctricas permite aumentar o uso no periodo da tarifa val e reducir o uso da tarifa punta.
A estrutura dun sistema con biomasa divídese en tres partes diferenciadas:
• Subministración do combustible / sistema de captación no caso de xeotermia.
• Planta de xeración de enerxía.
• Rede de distribución e subministración de calefacción aos edificios.
Todos os compoñentes do sistema de condutos de distribución deben cumprir os requisitos técnicos das seguintes normas:
• EN 253. Sistemas de condutos preillados para redes de auga quente soterradas.
•EN 448. Accesorios preillados para redes de auga quente soterradas.
•EN 488. Válvulas de aceiro preilladas para redes de auga quente soterradas.
•EN489. Ensamblaxe de xuntas para canalizacións de calefacción urbana preilladas.
As canalizacións deberán ser de aceiro calidade St. 37.0BW segundo DIN 1626 ou equivalente e as súas dimensións serán conformes á norma ISO/DIN 2458. O illamento de espuma deberá cumprir cos requisitos da EN 253. A cuberta exterior debe cumprir os requisitos técnicos da EN 253.
Á entrada de cada centro de edificio ao que se serve existe unha arqueta de acometida. Estará dotada dos elementos necesarios para illamento de circuítos, control de temperatura e presión e regulación automática do caudal de auga achegada. Estes conxuntos de regulación dinámica son esenciais para que cada unidade da instalación traballe de acordo cos parámetros para os que foi deseñada, garantindo o confort térmico á vez que se limita o consumo de enerxía.
En definitiva, co equilibrado automático trátase de conseguir un caudal constante dos circuítos hidráulicos, que compense en todo momento as distintas presións diferenciais e as variacións desas presións durante o funcionamento da instalación, evitándose así os circuítos con exceso ou deficiencia de caudal que repercutirían negativamente no confort
dos edificios e na presión de bombeo no centro de produción.
O Concello de Lugo xa completou a Implantación dunha rede de distribución de enerxía térmica nos edificios municipais no recinto da antiga FRIGSA. Trátase dunha instalación de produción centralizada de enerxía térmica con biomasa e distribución mediante unha rede de calor aos edificios de titularidade municipal do Parque da Milagrosa en Lugo, para a alimentación aos sistemas de calefacción, produción de auga quente sanitaria (ACS) e climatización.
Rede de distribución de enerxía térmica nos edificios municipais no recinto da antiga FRIGSA. Fonte: http://lugo.gal/es
Intervencións a escala de barrio
Sobre que actúa
Combinación con outras solucións
Elementos de medida
Indicador
Autosuficiencia enerxética (AUe)
Unidade
%
Obxectivo mínimo
50%
Obxectivo desexable
90%
Método de medición / Formula
AUe(%)=A / B x 100
A: Produción de EERR
B: Consumo Enerxético
Nivel de Planeamento
Plan Parcial
Plan Especial
Proxecto de urbanización
Proxecto de construción
Axentes implicados
Técnicos da Administración Local
Equipo de deseño e planificación
Posibles actuacións impulsadas pola administración
• Bonificacións económicas para favorecer a súa implantación
• Modificación da normativa para permitir este tipo de sistemas
Que debemos ter en conta para a súa aplicación?
• Perdas de carga se non se illa correctamente a rede de condutos.
• Xestión planificada do mantemento.
• Deseño perfectible: planificar de xeito que se permitan melloras posteriores na rede coma o apoio ao sistema mediante novos sistemas de xeración renovables como a enerxía fotovoltaica.