AG03 RETENCIÓN E INFILTRACIÓN DE AUGA NA EDIFICACIÓN
Incorporación de estruturas para retención e infiltración de auga
Objetivo
Incorporación de estruturas retención e infiltración de auga na edificación para favorecer o equilibrio do ciclo integral da auga.
¿Por qué?
A progresiva degradación e diminución das reservas de auga doce a nivel mundial, fai necesario tomar medidas que favorezan o aumento da calidade e da cantidade dos recursos hídricos dispoñibles.
O subsolo do planeta acumula o 93% da auga doce accesíbel para o consumo humano. É por tanto, o seu principal depósito e reserva. A adopción de medidas para reter e infiltrar a auga de choiva na edificación, va dirixida á xestión da auga alí onde cae.
Os seus principais beneficios son:
► O aumento dos recursos hídricos dispoñíbeis e da súa calidade. Pode chegar a reter ata un 50% da auga choiva recibida, prolongando o tempo de escoa e reducindo considerabelmente as substancias nocivas presentes nela, ao acumularen as precipitacións durante un período de tempo o suficientemente longo para permitir a eliminación de sedimentos e a depuración de contaminantes por acción da vexetación. Mellorar a calidade das masas de auga ao actuaren coma filtros, reducindo a carga de contaminantes que chega ao subsolo e aos acuíferos.
►Reducen de xeito significativo os volumes e velocidades da escoa diminuíndo o risco de asolagamento
► A mellora do confort climático e a paisaxe urbana, xa que melloran a calidade do ar por acción da vexetación.
¿Cómo?
Son estruturas que veñen de integrarse na edificación, tanto en vivendas (unifamiliares ou plurifamiliares) coma en edificios públicos, industriais ou de servizos. Os tipos máis comúns de estruturas para infiltración de auga de choiva na edificación son:
01 POZOS DE INFILTRACIÓN, estruturas verticais de pequena escala e sección cadrada ou circular que conducen a auga ata unha capa de solo onde pode infiltrarse de xeito mais doado que na superficie. Escavadas no terreo adxacente ás edificacións -sexa en xardíns, patios ou zonas comúns da edificación-, e recheas de material granular ou sintético drenante con, polo menos, un 30% de oco. Deséñanse para recollela auga de escorrentía procedente das superficies impermeábeis adxacentes das baixantes de cuberta, reténdoa para aumentalo tempo de concentración e así poder depurala, para posteriormente infiltrala no subsolo contribuíndo a la recarga de acuíferos. Debido ás súas reducidas dimensións, fácil construción e mantemento, son un dos elementos dos Sistemas de Drenaxe Sostíbel de máis doada implementación. Empréganse fundamentalmente en parcelas residenciais, zonas de aparcamento ou edificacións industriais ou de servizos, de forma illada e/ou conectados entre si ou a gabias de infiltración. Por seguridade, na súa construción haberá de preverse un aliviadoiro conectado á rede xeral ou drens de fondo para axudar ao baleirado.
02 GABIAS DE INFILTRACIÓN, estruturas liñais de escasa profundidade, recheas de material granular e/ou entullo. Deséñanse para recoller as escorrentías de superficies impermeábeis adxacentes ou coma receptoras dunha fonte puntual de auga. A súa principal función e o transporte cara outros sistemas de drenaxe.
Normalmente veñen de situarse nas estremas das parcelas ou coma elemento amortecedor ou de separación entre usos ou tipos de superficies, e poden substituír ou traballar de xeito combinado co sistema de saneamento tradicional.
A capacidade de almacenamento vai depender do volume de baleiros da gabia e da velocidade de circulación da auga. Adoitan vir recheadas de material granular de 40 – 60 mm de diámetro ou de bloques modulares xeocelulares. Por seguridade, deben contar cun aliviadoiro conectado á rede xeral no caso de superaren á capacidade almacenamento.
Pozo e gabia de infiltración, como sistema de xestión da auga dunha baixante de cuberta. Fonte: http://sudsostenible.com
ELEMENTOS DE RETENCIÓN E FILTRACIÓN DE AUGA NOS EDIFICIOS
Intervencións a escala de edificio
Sobre que actúa
Combinación con outras solucións
Elementos de medida
Indicador
Redución de consumo enerxético por captación da auga de choiva (ΔCE)
Unidade
I1: m2 de superficies filtrantes → ∆CE
Obxectivo mínimo
>60% de m2 superficies filtrantes
Obxectivo desexable
>95% de m2 superficies filtrantes
Método de medición / Fórmula
I1:∆CE: [ A x B]
A: m3 captados
B: Consumo enerxético en MWh por cada m3 tratado na EDAR
NIVEL DE PLANEAMENTO
Proxecto de edificación
Proxecto de parcelamento e urbanización
Axentes implicados
Equipa de deseño
Propietarios particulares
Comunidades de veciños
POSIBEIS ACTUACIÓNS IMPULSADAS POLA ADMINISTRACIÓN
Bonificacións sociais e/ou económicas para favorecela súa implantación.
Realizar unha proposta normativa que incorpore á ordenanza urbana actual, artigos ou normas relativas ao aforro e a eficiencia no uso da auga.
QUE HAI QUE TER EN CONTA PARA A SÚA IMPLEMENTACIÓN?
Para a súa implantación é indispensábel un terreo permeábel.
Poden usarse en rede, conectados entre se e/ou a grandes áreas de drenaxe. Non é convinte utilizalos en zonas con solos contaminado, pois producirían unha difusión do refugallo ou substancias nocivas. No caso de situárense en un lugar onde poida haber substancias nocivas, deben impermeabilizarse para evitala infiltración, mantendo a súa función de retención, depuración e transporte.
A súas dimensións dependerán da capacidade filtrante do solo e as características pluviométricas do lugar. Recoméndase calcular o seu volume, tendo en conta que serán quen de infiltrar a metade do seu volume en menos de 24 horas para poder responder a unha nova chuvieira.
Deben situarse polo menos a 3 metros dos alicerces das edificacións, para evitar que a alteración das condicións do solo (humidade, capacidade de carga, etc.) poida comprometela seguridade.