Aprobado o Plan Estratéxico Biodinámico que servirá como marco urbanístico para deseñar o Barrio Multiecolóxico
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou a aprobación, durante a vindeira Xunta de Goberno do Plan Estratéxico Biodinámico. Un documento que ten como vontade servir de marco urbanístico para deseñar o Barrio Multiecolóxico da Garaballa, ao abeiro do programa Life.
A rexedora indicou que, “tratando de promover un novo desenvolvemento urbano fundamentado, entre outros aspectos, na posta en valor da madeira local e na xestión sostibles dos bosques, identificamos un conxunto de solucións para a adaptación climática dos espazos nas cidades sendo o control destes criterios o eixe central da planificación das futuras áreas residenciais”.
Así, entre as ferramentas habilitadas polos técnicos municipais atópase a concreción dun Parque Lineal Fluvial, conformado polas cuncas do Miño, Rato e Fervedoira (limitado ao sur pola actual Rolda Norte, ao leste polo Parque Industrial das Gándaras e ao norte pola futura expansión do de O Ceao). “O ámbito de actuación que delimitan foi denominado como Infraestrutura Verde de Protección Climática dentro da cal, temos a vontade de mellorar a súa permeabilidade e conectividade ambiental a partir da ordenación dun sistema multifuncional de espacios abertos”, indicou Méndez.
A proposta, segundo sinalou a rexedora trata de estruturar os enclaves existentes de Garabolos, As Gándaras e o polígono do Sagrado Corazón co fin de revitalizar toda a área, a cal se caracteriza pola sinal natural que lle confiren os dous ríos sobre os que se apoia e que lle proporcionan un gran atractivo paisaxístico.
“Logo de realizar unha diagnose na que se levou a cabo unha análise espacial e ambiental que tivo en conta a xeomorfoloxía e a hidroloxía, as redes enerxéticas e de servizos, os espazos verdes e a agricultura e mesmo tamén a mobilidade e os accesos de toda esa zona, procedeuse a executar un traballo de campo que incluíu un labor investigador e enquisas aos principais axentes profesionais e sociais”, abondou Lara Méndez.
As conclusións obtidas nesa investigación serviron, a continuación, para configurar unha visión estratéxica do futuro desenvolvemento residencial que terá toda a contorna, orientada a lograr unha efectiva Ordenación Urbana adaptada ao cambio climático que redunda en dous piares: a habitabilidade e a sostibilidade, o que quedou recollido nun Plan específico.
Así, a alcaldesa relatou que se optou por articular a estrutura do Barrio Mutiecolóxico sobre un sistema funcional de espazos abertos, que brindará servizos ambientais á cidade, contribuíndo ao ciclo da auga, reducindo a súa vulnerabilidade para os efectos do cambio climático e servindo de guía para a Estratexia Urbana de Adaptación.
“Nela poranse en valor os espazos libres de conexión transversal que garantan a continuidade das áreas verdes existentes en todo o ámbito – co obxectivo de que estas teñan unha dimensión recualificadora – e se indenficarán as principais áreas de reserva da biodiversidade, os soportes de avifauna e os corredores biolóxicos existentes”, avanzou Méndez.
O modelo incluirá diferentes estratexias:
- Hidrolóxica: coa que se pretende reducir a demanda de recursos de auga e conseguir un equilibrio entre a oferta e as necesidades para o que se promove un incremento na reciclaxe e a reutilización de calquera auga consumida ou recollida no propio ámbito.
- Enerxética: para axustar a subministración de enerxía á demanda, co uso dunha planta central de biogás, a utilización de produción de sistemas renovables e a redución do consumo na edificación.
- De Residuos: convertendo a produción agropecuaria e a xestión dos seus residuos en procesos industriais visibles e tanxibles na estrutura urbana do futuro barrio.
- E, finalmente, outra sobre mobilidade e circulación: mediante unha rede de rutas peonís e cilistas que darán acceso directo aos centros das comunidades residenciais.
En canto á vertente socioeconómica, Lara Méndez adiantou que o Plan exporá unha innovadora iniciativa de dinamización das actividades industriais do Parque Empresarial das Gándaras que favorecerá a implantación de sector da Bioeconomía, baixa en carbono e fundamental en recursos renovables biolóxicos locais.
“Preténdese así configurar un novo modelo urbano adaptado ao clima que sexa capaz de acoller os novos modos de produción vinculados aos servizos de proximidade do territorio, sen renunciar á súa identidade industrial. Para o que se aplicarán metodoloxías colaborativas e participativas entre todos os axentes interesados co fin de favorecer sinerxías e que o Polígono se converta nun polo de desenvolvemento do propio Barrio Multiecolóxico e, ao mesmo tempo, favoreza a transición bioecolóxica a escala local”, subliñou.
“Conéctanse así todas as accións que, dende hai 7 anos, estamos a poñer en marcha dende o Executivo local para transformar o municipio, para acadar o seu progreso e crecemento sustentable e acorde a realidade medioambiental e aos retos de futuro que nos plantexa. Apostando por infraestruturas prácticas que conecten as diferentes partes da cidade, que nos permitan integrar o Miño e a súa conservación na actividade diaria, que nos proxecten turisticamente ao tempo que gañamos en calidade de vida. Iniciativas, todas elas, que se sustentan no aproveitamento dos recursos propios e que nos permitirán sentar as bases dos desafíos que trouxo a pandemia e que está traendo o conflicto bélico para convertelas en oportunidades, en investimento e en traballo estable para as e os lucenses”, concluíu Lara Méndez.