A USC, socia do LIFE Lugo + Biodinámico, participa nunha acción formativa da Asociación Forestal de Galicia
Este sábado 26 de outubro, a USC participou nunha actividade organizada pola Asociación Forestal de Galicia denominada “Silvicultura de frondosas para a produción de madeira de alto valor” nas parcelas de frondosas do novo pulmón verde de Lugo en As Gándaras, área impulsada polo Goberno de Lara Méndez co programa LIFE Lugo + Biodinámico onde a Universidade está investigando o potencial de producción da madeira como produto renovable, reciclable, neutro en termos de carbono, de elevada eficiencia enerxética e de elevada calidade para distintas transformacións industriais.
Esta actividade constou de dúas partes: por un lado dunha sesión formativa que se celebrou no Centro Cultural o Vello Cárcere o venres 25 de 17h30 a 21h e posteriormente contou cun obradoiro práctico para desempeñar prácticas de poda no monte sobre especies de frondosas para a produción de madeira de alto valor, no marco dun programa de formación que se estende e desenvolve por toda Galicia, co financiamento da Xunta e da Axencia XERA da Industria Forestal.
Acompañou aos participantes o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, quen sostivo que “a escolla deste emprazamento non foi ó azar xa que esta parcela non só ten unha masa forestal de frondosas autóctonas de 4 hectáreas para a produción de madeira de calidade senón que nela se poden atopar máis especies demostrativas de cultivos para a construción das cidades sostibles do futuro usando a madeira como elemento estrutural”. Ademais, o edil agradeceu que a AFG desenvolva as súas actividades de formación nas plantacións do proxecto LIFE polo “peso que ten no sector forestal”.
Podes consultar a fotogalería do evento aquí: