A revista CIC publica unha reportaxe sobre Impulso Verde e o LIFE Lugo + Biodinámico
Na edición número 559 da revista CIC Construcción, correspondente ao mes de febreiro, atopamos entre as páxinas 24 e 29 unha ampla reportaxe sobre o edificio Impulso Verde e o conxunto do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
Nesta publicación recóllense as características que farán do Impulso Verde da Garaballa un edificio pioneiro, por ser o primeiro edificio público levantado en madeira de Galicia, ademais de todas as iniciativas que conformarán o primeiro Barrio Multiecolóxico de España, proxectado na zona das Gándaras, así coma o traballo de recuperación do humidal das Gándaras e todas as plantacións para a posta en valor das especies autóctonas do país.
Ao longo da reportaxe faise moito fincapé na aposta que o Concello de Lugo está a facer polo Barrio Multiecolóxico, onde se aplicarán deseños urbanos resilientes, unha estratexia territorial integrada usando a madeira como elemento estrutural da construción e no que se quere fomentar a produción e consumo sostibles, mitigando así o cambio climático. As solucións que se están a desenvolver neste barrio van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.
A reportaxe completa está dispoñible na nosa web de balde e na páxina da revista CIC.