O proceso de recuperación do Humidal, a piques de ser declarado ENIL a proposta do Concello de Lugo, recibiu esta semana o segundo premio na categoría de Medio Hídrico na segunda edición dos Premios de Boas Prácticas Locais pola Biodiversidade, outorgado pola Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade, da Federación Española de Municipios e Provincias. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destaca que o galardón “é un recoñecemento á nosa aposta polos valores naturais de Lugo na loita contra o cambio climático e como novo motor de crecemento”.

O Humidal das Gándaras é un dos grandes patrimonios naturais de Lugo e un dos emprazamentos máis importantes do LIFE Lugo + Biodinámico. A recuperación deste espazo natural é, a día de hoxe, unha das accións máis relevantes do proxecto na súa vertente de posta en valor do medio natural.

Entre as accións de recuperación e acondicionamento desta xoia natural que levaron á obtención desta distinción por parte da FEMP, destacan a preservación da biodiversidade do bosque de ribeira e a súa contorna, que acolle especies de flora e fauna de interese comunitario. O xurado deste premio valorou o impacto do proxecto nas condicións da vida silvestre e os ecosistemas naturais, a incorporación de todos os aspectos de desenvolvemento sostible (sociais, ambientais, económicos e culturais) e o fortalecemento da participación cidadá e a promoción da igualdade e equidade dentro das condicións locais.

O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, impulsado polo Concello de Lugo, desenvolveu un plan de recuperación para este espazo co que desterrou as especies invasoras, repoboou con vexetación autóctona e riparia e eliminou residuos urbanos vertidos ao longo das últimas décadas neste espazo.

Lugo, único municipio galego premiado, recibirá o galardón o día 12 de abril trala celebración da IX Asemblea Xeral da Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade. Podes escoitar as declaracións da Alcaldesa de Lugo ao respecto, aquí.

Tags: