A parcela do Impulso Verde será acondicionada baixo criterios de sostibilidade acordes ao proxecto
A Xunta de Goberno do Concello de Lugo autorizará esta semana a adxudicación dos traballos de urbanización da parcela do Impulso Verde á empresa Ovisa, por importe de 168.190 euros.
Os traballos inclúen a humanización da contorna, a creación de xardíns de choiva e dun carril bici, alén da pavimentación con material drenante. Estas labores de acondicionamento do terreo no que se ergue o Impulso Verde seguen os criterios de sostibilidade establecidos no LIFE Lugo + Biodinámico e contemplan ademais a creación de zonas verdes, espazos peonís e de estacionamento e a instalación de mobiliario urbano, iluminación e sinalización LED.
A intervención abarcará unha superficie de 2.685 m², na que as zonas verdes ocuparán, aproximadamente a metade da extensión dispoñible combinando especies vexetais tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos enerxéticos coa idea de dar continuidade ao novo bosque urbano ubicado nas Gándaras. Tamén se plantarán árbores autóctonas que creen zonas de sombras. A selección destas especies vexetais foi realizada, de maneira conxunta, con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, socia do proxecto, á fin de fomentar a biodiversidade.
Habilitarase, con pavimentos drenantes, unha zona peonil e outra de estacionamento de vehículos e bicicletas con pavimento cerámico permeable cedido polo proxecto LIFE Cersuds e na área do carril bici proxectarase un dos xardíns de choiva que recolle a auga da propia superficie pavimentada.
Estas obras, que se adxudicarán nesta última semana do 2021, terán un prazo de execución de 4 meses.