A Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, visita o Impulso Verde
O xoves 6 de outubro a Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, visitou as instalacións do edificio Impulso Verde acompañada da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Durante esta visita a ministra puido coñecer de primeira man o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico e o conxunto das accións que, a través deste proxecto europeo, están mudando a cidade de cara a adaptala ao cambio climático, a través de iniciativas coma o Barrio Multiecolóxico.
Durante a visita ao edificio Impulso Verde, Teresa Ribera salientou o labor do programa LIFE e a aposta decidida do Concello de Lugo pola sostibilidade, sinalándoo como “un exemplo da resposta que dende as Administracións locais se pode dar aos retos que presenta a emerxencia climática”. Ademais, a ministra salientou que o LIFE Lugo + Biodinámico é “un exemplo claro do que se pode facer dende os Gobernos locais, pensando no territorio, nas persoas e en como compatibilizar, nun momento tan complicado como este, dende o punto de vista enerxético, a xestión dos recursos atopando solucións que non só sexan compatibles co medio ambiente se non innovadoras e que, por outra banda, xeren emprego e aforren en consumo de recursos básicos”.
Na visita ao edificio acompañaron á Ministra e á rexedora o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos e Manuel Guaita, director de PEMADE e socio do proxecto.