A alcaldesa inaugura os obradoiros de poda do LIFE Lugo + Biodinámico
Este luns 18 de novembro tivo lugar no Souto das Gándaras o primeiro obradoiro de poda de castiñeiros do LIFE Lugo + Biodinámico, ao que asistiron 30 persoas repartidas en dúas quendas. Esta primeira xornada contou coa inauguración e benvida da alcaldesa Lara Méndez, quen asistiu á clase impartida polo enxeñeiro agrónomo e socio do proxecto Pablo Antonio Fraga.
O obxecto destes obradoiros, de balde e abertos a toda a veciñanza, é divulgar os coidados e particularidades que teñen os soutos galegos, así como dar a coñecer as diferentes variedades de castaña propias do noso país. Durante o desenvolvemento da primeira sesión, a alcaldesa salientou tamén a importancia desta iniciativa divulgativa que servirá para pór en valor as accións do proxecto LIFE que está a transformar Lugo.
Aínda quedan prazas dispoñibles para os obradoiros de poda de castiñeiros que se celebrarán os días 16 e 23 de decembro. A inscrición, de balde, pódese facer a través deste formulario.