O edificio Impulso Verde completa con éxito o proceso de avaliación para a obtención da Certificación de Proxectos FSC®
O edificio Impulso Verde vén de someterse a unha rigorosa avaliación segundo os requisitos recollidos na Certificación FSC®, desenvolvéndose o día 3 de outubro a última auditoría que supón o final do proceso de avaliación e que permitirá a consecución do Certificado FSC® de Proxecto Completo (FSC-C168753).
Este edificio impulsado polo Concello de Lugo dentro do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, incorpora os avances investigadores do Campus Terra (USC) e da Universidad Politécnica de Madrid. É ademais o primeiro de carácter público da comunidade construído en madeira de Galicia e é xa un referente na acción polo clima, capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Ademais, o uso da madeira como elemento construtivo permitirá emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro.
Forest Stewardship Council® FSC é unha organización mundial sen ánimo de lucro que leva dedicándose, dende hai máis de 25 anos, a promover a xestión forestal responsable en todo o mundo. Coa auxe do uso da madeira no sector da construción, FSC® crea un novo estándar para a certificación de obras e proxectos construtivos con madeira: o Estándar FSC® de Certificación de Proxectos.
A Certificación FSC® de Proxectos, validada por entidades de certificación independentes, permite asegurar a procedencia sostible de todos os materiais de orixe forestal empregados.
Impulso Verde incorpora na súa estrutura madeira de orixe local con xestión forestal sostible, ademais, e para a obtención da declaración de certificación de Proxecto Completo, o resto dos produtos forestais empregados na obra inclúen tamén as súas correspondentes declaracións de FSC®. O equipo auditor da entidade certificadora APCER, encargado do proceso de avaliación, supervisou que as empresas e todas as partes implicadas na obra xestionaron o subministro dos produtos de base forestal segundo criterios de sostibilidade, validando a documentación dispoñible e determinando o cumprimento co Estándar FSC® de Certificación de Proxectos.