Impulso Verde, escollido polo público como Mellor Proxecto de CUPA Pizarras
A empresa CUPA Pizarras, líder mundial da lousa, celebrou nas pasadas semanas un certame internacional para que o público puidese escoller os mellores traballos da marca levados a cabo neste 2021 que remata.
O Edificio Impulso Verde do LIFE Lugo + Biodinámico resultou gañador na categoría “Mellor Proxecto” na que competía con outros catro proxectos de Reino Unido, Francia e Dinamarca. A convocatoria lanzouse nas redes sociais da empresa coa fin de que fosen os seus seguidores os que votasen o mellor uso da lousa en proxectos desenvolvidos neste último ano. O proxecto de Lugo acadou un total de 2.525 votos, cunha diferenza de case 600 votos con respecto ao segundo finalista, do Reino Unido.
O Edificio Impulso Verde, estandarte do LIFE Lugo + Biodinámico e primeiro paso do Barrio Multiecolóxico, é un edificio que incorpora os avances investigadores das dúas universidades socias do proxecto, o Campus Terra da USC e a Universidad Politécnica de Madrid. Trátase da primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é xa un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu consumo. Ademais, o uso da madeira como elemento construtivo consegue que o edificio emita un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorbe 280 toneladas de emisións, reducindo o efecto invernadoiro.
Este edificio é, ademais, o primeiro en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC. Este visado garante que toda a madeira utilizada, tanto en estruturas coma en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sostibilidade tanto ambientais como sociais. O seu exterior, cuberto en lousa galega, convertiuno en gañador deste certame internacional.
Podes ver nesta galería o proceso de edificación do Impulso Verde: