Ao longo dos días 28-29 de outubro e 4-5 de novembro celebrarase en Lugo o XXXIII Congreso Internacional SIPS 2021, un Seminario Interuniversitario de Pedagoxía Social da Sociedad Iberoamericana de Pedagogía Social, que se retransmite en streaming para toda España, Portugal e Iberoamérica. A edición deste ano do SIPS 2021 ten como tema principal a sostibilidade, como indica o seu título: “Educación Ambiental e Cultura da Sostibilidade: construíndo a transición ecolóxica”.

O LIFE Lugo + Biodinámico terá unha presenza especial neste Congreso o vindeiro día 5 de novembro, da man de Antonio Rigueiro, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra e un dos socios do noso proxecto.
A partir das 18h do día 5 participará na palestra “Experiencias de Educación Ecosocial“, coa presentación “O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico como experiencia de educación ecosocial“. Neste espazo tamén se presentarán os seguintes proxectos: Miguel Pardellas Santiago da USC con “Educación social para o cambio climático: o proxecto Descarboniza, que non é pouco”, Francisco Sóñora Luna, director de Climántica, “Climántica: unha experiencia de educación para o cambio climático”, Ana Rita Silva da Associação Portuguesa de Educação Ambiental (ASPEA) co “Programa de Voluntariado Ambiental da ASPEA” e Sara Baquissy, da Agência Jovem de Notícias e Associação Portuguesa de Educação Ambiental (ASPEA) falará de “A experiencia da Agência Jovem de Notícias”.

Esta palestra pode seguirse de xeito presencial dende Lugo, na Facultade de Formación ao Profesorado da USC (Av. Ramón Ferreiro, s/n) e vía streaming a través das plataformas Zoom e Youtube.

Tags: