O Barrio Multiecolóxico da Garaballa contará ao seu arredor cunha zona verde de lecer sostible
A Xunta de Goberno local do Concello de Lugo aproba este mércores 27 de outubro o novo espazo verde que rodeará o Barrio Multiecolóxico do LIFE Lugo + Biodinámico, que contará con usos de lecer, agrícolas e ecolóxicos. Este novo espazo, de 1’2 hectáreas de extensión, contemplará espazos de cultivo, xardíns que potencian a biodiversiade e áreas estanciais para a veciñanza.
O proxecto, presentado en rolda de prensa pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, consiste nunha “planificación que ten como obxectivo lograr unha adaptación efectiva ao cambio climático, entendendo este non como unha ameaza, senón como un desafío. A oportunidade que se nos brinda para mellorar a calidade das contornas urbanas e o eixo transversal das políticas e da acción deste Goberno non só a nivel medio ambiental senón tamén para a nosa recuperación económica”.
A iniciativa contempla o uso dunhas parcelas próximas ao Barrio Multiecolóxico que foron escollidas polo confort climático que ofrecerán á cidadanía tendo en conta as precipitacións e temperaturas medias que se rexistran neste enclave, así como a viabilidade das especies vexetais que se plantarán nelas. Este espazo foi deseñado en colaboración coa Universidad Politécnica de Madrid, socia do proxecto, seguindo criterios que permitan a conexión coa natureza e fomenten o respecto e o coidado polo medio ambiente, con espazo para hortas urbanas, áreas axardinadas e áreas estanciais.
Todas as parcelas contarán con espazo para hortas urbanas, que serán divididas coa seguinte clasificación:
- Horta Cidadá: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade.
- Horta Terapéutica: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asistencial de Drogodependencias.
- Horta para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade.
- Horta Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos.
- Horta Familiar: dirixido a familias con crianzas.
- Horta Didáctica: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregada para a realización de obradoiros afíns.
Ademais, todas as parcelas estarán provistas de zonas axardinadas e zonas estanciais e contarán con redes xerais de rego e de drenaxe e tubaxes de reparto de auga con cadansúa chave de peche en todos os bancais.
A actuación terá un prazo de execución de cinco meses e suporá un investimento de 773.662 euros.
Podes descargar todas as actuacións que se van realizar neste emprazamento premendo aquí.